A mancomunidade da comarca de Ferrol dírixese aos voceiros dos grupos parlamentarios ante o desvío de parte da obra do flotel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrol
A-
A+

Os alcaldes da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, que preside Jose Manuel Rey Varela, abordaron esta tarde a decisión de Navantia de desviar para a factoría de Porto Real unha parte do flotel que o estaleiro ferrolán está construíndo para a empresa mexicana PEMEX. O rexedores acordaron facer partícipes da súa preocupación aos voceiros dos Grupos Parlamentarios no Congreso do Deputados en Madrid; trasladándolles “o noso total rexeitamento e absoluta indignación” ante a medida adoptada polos responsables de Navantia.

Neste sentido, os membros da Mancomunidade consideran “inaceptables” as “escasas xustificacións” ofrecidas pola dirección de Navantia en relación a esta medida que “unha vez máis prexudica gravemente aos estaleiros da ría de Ferrol”. Na carta, o organismo supramunicipal pide aos representantes parlamentarios que “se sumen á postura dos axentes sociais, económicos e políticos da comarca que demandamos de maneira unánime a construción íntegra do flotel nos estaleiros da ría de Ferrol”. E, na mesma misiva, os alcaldes explican que “o desvío de calquera porcentaxe de carga de traballo, por mínimo que sexa, en relación a este pedido é especialmente gravoso nun territorio cunha alta taxa de desemprego, consecuencia da incapacidade para conseguir novos contratos por parte da dirección de Navantia e marcar un rumbo para os centros de traballo da empresa que dirixen”

Programa de deporte adaptado

Noutra orden de cousas, a Mancomunidade aprobou as bases para a posta en marcha da terceira edición do “Programa de Deporte e actividade física adaptada-inclusiva”. Así, os rexedores tamén deron luz verde ás bases para a selección dun/unha técnico da oficina de fomento cooperativo do organismo supramunicipal e ao proxecto de xestión compartida do Punto Limpo de Vilar do Colo presentado á convocatoria dos Premios Coopera Galicia 2014.

En canto ao programa de escolas de deporte adaptado, se desenvolve coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña e ten como obxectivo promover o deporte entre o colectivo de persoas con diversidade funcional. A oferta gratuíta inclúe baloncesto en cadeira de rodas (10 prazas), boccia (12 prazas), slalom (10), tenis en cadeira de rodas (8) e baile adaptado (18). Segundo as bases, os participantes nesta terceira edición deberán cumprir os seguintes requisitos: estar empadroados nalgún dos municipios que conforman a Mancomunidade (Ares, Cabanas, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño), e ser maiores de 5 anos no momento de formalizar a matrícula. As prazas dispoñibles se outorgarán preferentemente ás persoas con necesidades de adaptación deportiva, se ben as actividades encóntranse abertas a todas as persoas interesadas no deporte adaptado á diversidade funcional. Así, o tenis e o baloncesto en cadeira de rodas son deportes adaptados a persoas con mobilidade nos membros reducida nos seus inferiores; a boccia ofrece adaptación deportiva a persoas afectadas por parálise ou lesión cerebral ou outras minusvalías severas; a novidade desta edición, o slalom, reproduce deportivamente as “carreiras de obstáculos” ás que se enfrontan diariamente as persoas en cadeira de rodas; e no caso do baile adaptado será unha actividade adaptada a múltiples situacións de diversidade funcional. No caso de quedar prazas vacantes, poderán ser ocupadas por persoas empadroadas noutros municipios que non pertenzan á Mancomunidade de Concellos de Ferrol.

Os horarios e lugares provisionais para as actividades son os seguintes: baloncesto en cadeira de rodas se desenvolverá en lugar por determinar os xoves en horario de 17.30 a 19.00 horas; a boccia, terá lugar no Centro Público Integrado do Feal (Narón), os venres de 16:00 a 18:00 horas; slalom será no Centro Público Integrado do Feal (Narón), os mércores de 16:30 a 18:00 horas; o tenis en cadeira de rodas, se realizará no pavillón polideportivo de Ares e terá lugar os martes de 18.30 a 20:00 horas; e o baile adaptado, no local social de Santa Icia (Narón) os luns de 17:15 a 18:15 horas. Dentro do III Programa de Deporte Adaptado-Inclusivo, a Mancomunidade tamén pon a disposición dos usuarios que o precisen un servizo gratuíto de transporte adaptado, que recollerá aos usuarios nos puntos de encontro que se acorden, levaraos á actividade e unha vez remate transportaraos ao punto de partida.

Punto Limpo de Vilar do Colo e Oficina de Fomento Cooperativo

Outro dos asuntos abordados na reunión ordinaria desta tarde polos alcaldes da Mancomunidade foi o proxecto de xestión compartida do Punto Limpo de Vilar do Colo presentado á convocatoria dos Premios Coopera Galicia 2014. O servizo de recollida de residuos de Vilar do Colo atende a un total de 28.197 persoas e está xestionado de maneira conxunta polos concellos de Ares, Cabanas, Fene e Mugardos. Esta xestión común supón un aforro para as arcas públicos dos catro municipio de preto de 150.000 euros.

Así mesmo, o pleno do organismo supramunicipal acordou aprobar as bases para a selección dun/unha técnico da oficina de fomento cooperativo da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol. Esta iniciativa foi posta en marcha ao abeiro da liña de axudas da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social.

Turismo

E, por último, deuse conta de que o plan de promoción turística do xeodestino Ferrolterra – financiado pola Xunta de Galicia con 70.000 euros e a Mancomunidade con 17.500- vai desenvolver un programa de formación e dinamización dirixido a técnicos municipais e de asociacións, empresarios e potenciais emprendedores co obxectivo de crear paquetes turístico, rutas e novas empresas e servizos turísticos. As primeiras sesión se celebrarán previsiblemente en Ferrol e Ortigueira, en data aínda por determinar Os interesados poden poñerse xa en contacto cos Mancomunidade.

29 de setembro de 2014 | 22:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.