A Laracha ampliará o ámbito da escola infantil integrando unha nova zona axardinada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A escola infantil da Laracha, integrada na rede A Galiña Azul, está a ser ampliada coa construción dun edificio que permitirá acoller a corenta e un novos usuarios, aumentando a instalación en tres módulos, aula de profesores e sala de descanso. O novo inmoble, aínda en fase de obra, é anexo ao que está en uso e foi levantado ocupando parte do patio exterior.

O goberno local da Laracha, co obxectivo de ofrecer aos usuarios e persoal da instalación uns espazos educativos complementarios amplos e funcionais, integrará no ámbito da escola infantil unha parte da parcela que se atopa contigua ao centro pola súa parte posterior, e que tamén é de titularidade municipal. Dito solar alcanza os dous mil cincocentos metros cadrados de superficie, sendo uns mil metros os que se incorporarán ao recinto educativo.

Trátase dunha actuación que xa está en marcha e será financiada integramente con fondos propios municipais. Actualmente as labores que se están a realizar consisten na completa limpeza da parcela, contemplando manter certas árbores autóctonas que se atopan en bo estado de conservación. O alcalde, José Manuel López Varela, o edil de obras, Jesús Souto, e a concelleira responsable da área de servizos sociais, Rocío López, visitaron hoxe o lugar das actuacións. A continuación crearase un amplo ámbito axardinado, con vexetación axeitada ao lugar no que se sitúa e equipado coas correspondentes canalizacións e a rede de rego automática.

Unha vez completada esta actuación, reconstruirase o peche perimetral do recinto da escola infantil, que pasará a contar cunha superficie total superior aos tres mil cincocentos metros cadrados entre os dous edificios, o patio exterior e as zonas axardinadas.

Deste xeito o Concello da Laracha alcanzará o dobre obxectivo de mellorar as instalacións do centro e acondicionar para usos públicos unha parcela municipal situada en pleno centro do casco urbano da Laracha.

26 de setembro de 2014 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.