A Laracha acondiciona un tramo de 2,5 quilómetros da conca do río Bradoso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha acometeu ao longo de todo o verán diversas actuacións de posta en valor, limpeza e acondicionamento de zonas verdes públicas e tamén nas concas fluviais do Anllóns e Bradoso aproveitando a época de menor probabilidade de choiva e, por tanto, de menor crecida dos ríos. Ditas actuacións están a ter continuidade no inicio do outono, co traballo que están a desenvolver as brigadas municipais.

Durante os últimos días avanzouse nestas labores nun amplo tramo da conca do Bradoso (parroquia de Montemaior), en concreto nos preto de dous quilómetros e medio de distancia que unen, bordeando o río, a ponte da estrada provincial en San Fins coa paraxe de Bustes, situada entre os núcleos de O Raño e O Xestal.

Deste xeito completouse a tarefa iniciada polos voluntarios que participaron nos campos de traballo que o Concello da Laracha acolleu na segunda quincena do mes de xullo e a primeira de agosto, organizados coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

Á labor acometida xunto ao río engádese a limpeza realizada noutros mil cincocentos metros de camiños (corredoira de Sabaceda a San Fins) para facilitar os accesos cara o inicio e o final do tramo do río acondicionado.

A zona é especialmente interesante para sendeiristas xa que, ademais da riqueza medioambiental, a biodiversidade de especies animais e vexetais que pode presenciarse e as fermosas paisaxes naturais que presenta o río Bradoso, ao longo do percorrido tamén se atoparán con máis dunha decena de muíños de auga que, aínda que actualmente se atopan en desuso, aínda conservan a súa estrutura e as canles de saída e entrada da auga. Por estes motivos, o goberno local propuxo recentemente á Asociación Ambiental Senda Nova que incluíse este tramo do río Bradoso nunha das rutas de sendeirismo que ten establecidas no ter termo municipal da Laracha.

José Manuel López Varela, alcalde do Concello, Jesús Souto, edil responsable da área de obras, e Patricia Bello, concelleira de cultura e deportes, comprobaron persoalmente o resultado dos traballos percorrendo a pé os case dous quilómetros e medio acondicionados a ambas marxes do río.

29 de setembro de 2014 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.