A investigación polo accidente laboral acontecido no pavillón de Castelao demora a reapertura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Como consecuencia secundaria do accidente laboral acontecido o martes na obra do pavillón de Castelao, non será posible a reapertura das instalacións deportivas para o 1 de outubro como estaba inicialmente previsto. As obras están paradas debido ás labores de investigación que se están a levar a cabo tras o suceso, polo que a data de remate da reforma dependerá do que se prolonguen as indagacións.

A Fundación de Deportes lamentou profundamente o accidente laboral do que foi vítima un traballador autónomo contratado pola adxudicataria para a realización de traballos de pintura, e solicita a comprensión dos clubs usuarios do pavillón que terán que esperar uns días máis para poder desenvolver a súa actividade no céntrico recinto.

Como se sabe, a reforma do pavillón de Castelao é unha obra contratada pola Deputación Provincial na que se están a investir 170.174 euros. As obras están sendo executadas pola empresa cambadesa Canalizaciones y Construcciones do Salnés e con elas corrixiranse as numerosas deficiencias que presentaba a instalación deportiva, especialmente as filtracións de auga e humidade, aínda que tamén se reforzará a estrutura, cambiaranse a cuberta e o pavimento deportivo e se pintará todo o interior.

A demora das obras non afectará ao inicio das actividades deportivas da Fundación de Deportes, previsto para o 6 de outubro, nin tampouco ás dos clubs usuarios das instalacións que, de forma provisional, foron acomodados noutras instalacións municipais.

25 de setembro de 2014 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.