A illa de Cortegada repite como musa do II Encontro de Pintores no Parque Nacional das Illas Atlánticas
Tras a boa acollida da primeira edición, o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas organiza o II Encontro de Pintores “Lenzos de Natureza” co obxectivo de sensibilizar á poboación cara aos espazos naturais a través da arte pictórica. A iniciativa levará a 40 pintores a pasar unha xornada nun dos catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional (Cortegada, Cíes, Ons e Sálvora) para elaboren unha pintura na que se plasme a beleza destas illas e que logo se amosará na correspondente exposición.
Pintores afeccionados ou profesionais poderán participar no encontro, co único requisito de ter cumpridos os 16 anos. Disponse de 40 prazas, 10 para cada unha das catro illas do parque, e a xornada celebrarase o domingo 28 de setembro sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. Os participantes serán trasladados á cada unha das illas dende os portos de Carril, Vigo, Bueu e Aguiño, ás 10 da mañá e o certame comezará ás 11 horas. Tanto a inscrición como a participación é de balde, facilitando a organización o traslado ás illas, comida, camiseta e gorro para protexerse do sol.
Os participantes terán como área de traballo na que inspirase todos os lugares de acceso público das illas. O estilo e técnica das obras serán libres sendo a temática a de “Lenzos de Natureza”. Os pintores deberán acudir provistos do seu propio material (soporte, óleos, acrílicos, disolventes, vernices, pinceis, cabaletes, etc…). Segundo se fixa nas bases, a obra presentarase nun soporte liso, limpo (sen tratamento ningún) e ríxido (lenzo ou calquera outro material) soportado cun bastidor. As medidas máximas do devandito soporte serán de 120 x 120 centímetros.
Os participantes disporán dende as 11 da mañá ata as 18 horas para completar as súas obras.
As obras exporanse durante un mes no centro de Visitantes do Parque Nacional, e logo no municipios aos que pertences os arquipélagos do Parque (Vilagarcía, Bueu e Ribeira). Posteriormente, os autores poderán recuperar os traballos.
Inscrición gratuíta e prazos
Os interesados deberán inscribirse cubrindo o formulario dispoñible no Centro de Visitantes do Parque Nacional (edificio Cambón, Vigo), no facebook “Cambón Islas Atlánticas” ou no taboleiro de anuncios desta web, onde tamén se poden consultar as bases da convocatoria. O prazo de inscrición péchase o 21 de setembro, e dado o límite de prazas, estas cubriranse por orde de chegada. Para máis información, os interesados poden dirixirse por mail á dirección guiasveran@gmail.com
No primeiro Encontro de Pintores no parque Nacional Illas Atlánticas participaron 53 artistas de toda Galicia. O resultado da experiencia puido admirarse a través da exposición itinerante “Lenzos de Natureza” que se exhibiu en agosto no Auditorio.











