A Galiña Azul incrementará 82 prazas en Santiago coa nova escola do convenio coa Fundación Amancio Ortega

Beatriz Mato na reunión con Agustín Hernández. Foto: C. Paz
A nova escola infantil que se porá en marcha en Santiago de Compostela, en virtude do convenio da Consellería de Traballo e Benestar coa Fundación Amancio Ortega, permitirá aumentar en 82 as prazas ofertadas pola rede autonómica da Galiña Azul na cidade. Deste xeito, a oferta global acadará as 470 prazas, un 77 por cento máis do que había en 2009 (266 prazas).
Así o destacou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, tras manter un encontro de traballo co alcalde de Santiago, Agustín Hernández, no que abordaron diversas liñas de colaboración entre ambas administracións, tanto no eido laboral como de benestar.
En materia de infancia, ademais da nova escola que se porá en marcha, a titular do departamento autonómico recordou que o Goberno galego contribúe ao financiamento das escolas infantís municipais.
No eido do benestar, a titular do departamento autonómico fixo especial fincapé no compromiso coa inclusión. A través da novidosa orde para a contratación de perceptores de RISGA, hai actualmente 20 persoas beneficiarias dun contrato na cidade, unha actuación na que a Xunta está a investir máis de 200.000 euros.
Mato fixo tamén referencia ás axudas que recibe o concello a través do Plan Concertado, ou o Servizo de axuda no fogar para a dependencia.
En total, en todas as liñas de colaboración abertas coa capital galega en materia de benestar, a Consellería está a investir 826.000 euros.
Compromiso co emprego
No que se refire ao eido laboral, a conselleira salientou o obradoiro de emprego ECOTUR Santiago. Trátase do terceiro ano que a Xunta financia un obradoiro en Santiago. Nesta edición, están a participar 23 alumnos, grazas a un investimento de máis de 200.000 euros.
Estas iniciativas permiten o acceso a un posto de traballo por parte dos beneficiarios; unha formación de calidade en distintas especialidades, que neste caso son promoción turística, páxinas web, e operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción; e a realización de obras e servizos de interese para a comunidade. Neste último punto, todas as actuacións están relacionadas coa rehabilitación da escola unitaria de Villestro como centro de visitantes de Val de Roxos e Camiño de Fisterra, a elaboración de materiais para a promoción turística deste centro, e a posta en marcha e mantemento da súa páxina web.
Simultaneamente, estase a desenvolver o Plan Integrado “Santiago Emprego III”, que dá continuidade ao do ano pasado e ao de 2011. Na actividade están a participar 60 alumnos, e conta cunha achega de 115.000 euros por parte da Consellería. Este tipo de actuacións ofrecen un itinerario integral e individual para cada un dos participantes, combinando información, orientación, formación, asesoramento, intermediación con empresas, prácticas e inserción laboral.
Segundo sinalou Mato, Santiago é un dos catro concellos de Galicia que actualmente están a organizar de forma individual un obradoiro en un Plan integrado.
En materia de formación, a conselleira recordou que o departamento que dirixe está financiando dous cursos de formación para desempregados no concello, e que ademais conta con dous centros de formación propios na capital galega: o centro de novas tecnoloxías –punteiro a nivel nacional-, e o de formación ocupacional de O Pedroso. Nestas instalacións, lévanse a cabo 66 cursos de formación para desempregados, nos que participan 1.119 alumnos.
En total, a Consellería de Traballo está a investir 517.000 euros en distintas actividades de mellora da empregabilidade.
Así, en total, as liñas de colaboración entre o departamento autonómico e o concello de Santiago superan os 1,34 millóns de euros nas áreas de traballo e benestar, o que supón un incremento do 13,7 por cento con respecto a 2013.
Xa para rematar, Mato confiou en que esta colaboración “medre cuantitativa e cualitativamente, sempre co obxectivo de incrementar as oportunidades de acceder a un posto de traballo para os veciños e veciñas de Compostela, e garantir que poidan gozar dos mellores servizos sociais e o máximo benestar”.











