A Federación de Comercio de Ourense pon en marcha un sorteo para promover o comercio local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A nova campaña de promoción do comercio local ourensán “En Ourense, merca e reláxate”, estará vixente un mes, entre o 8 de setembro e o 8 de outubro,  data na que terá lugar ante notario o sorteo de 10 estancias en balnearios do Grupo Caldaria entre os clientes do comercio local ourensán que consigan, cumprimenten e depositen a cartilla de participación na urna habilitada no patio da CEO.

Mercar no comercio local é bo para todos, por iso a Federación de Comercio de Ourense pon en marcha este sorteo para favorecer e impulsar o comercio local co lema “En Ourense, merca e reláxate” unindo así dous factores importantes e complementarios da provincia como son o comercio e o termalismo, facilitando a oportunidade de gozar dos nosos recursos.

Para dinamizar as compras nos establecementos asociados á Federación de Comercio de Ourense, o cliente interesado en participar no sorteo destas estancias en balnearios, ten que conseguir o selo de catro establecementos distintos en cada cartilla para que esta sexa válida, logo deberá cubrila cos seus datos de contacto e identificación (nome completo, DNI e  teléfono) e depositala na urna cerrada instalada no patio da CEO (Praza das Damas, 1 de Ourense).

Os establecementos asociados que participan nesta campaña teñen á disposición do público as bases deste sorteo e a liberdade para decidir a cantidade a partir da cal darán unha cartilla ou porán o seu selo ós clientes. Poden participar tódalas persoas maiores de 18 anos que realicen compras ou soliciten un servizo, no comercio local ourensán, entre o 8 de setembro e o 8 de outubro e teñan validamente depositada a cartilla de participación antes da hora da celebración do sorteo, fixada para as 11.00h do mércores 8 de outubro.

Este sorteo así como o material publicitario xunto coa emisión de publicidade en distintos medios co lema “En Ourense, merca e reláxate” está organizada pola Federación de Comercio de Ourense, e conta co patrocinio da Dirección Xeral de Comercio, co apoio da Deputación Provincial de Ourense e de ABANCA.

8 de setembro de 2014 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.