A Factoría de Innovación da Coruña mostra aos emprendedores como crear empresas áxiles e competitivas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Pazo de Mariñán acolleu esta mañá a xornada “Innovación e Emprendemento”, incluída no Programa de Actividades en Aberto da Factoría de Innovación da Coruña, promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Deputación da Coruña; e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

O encontro, ao que asistiron preto dunha trintena de empresarios e emprendedores de diversos sectores, tivo como principal obxectivo analizar os aspectos crave á hora de pór en marcha unha iniciativa innovadora que contribúa á mellora do posicionamento no mercado dunha compañía ou un produto.

Fernando González, técnico da UPD da Deputación da Coruña, foi o responsable de abrir a xornada partindo da premisa de que calquera persoa pode innovar se utiliza as ferramentas adecuadas. “Ante un mercado en constante cambio e evolución, a máxima é innovar ou morrer, e para iso é imprescindible apostar pola creatividade e contar cun alto grao de motivación”, afirmou.

Reforzando esa idea, Mariem Filgueira, membro da Oficina Técnica da Factoría de Innovación da Coruña, centrou a súa intervención en analizar diferentes aspectos que fan que as empresas poidan ser realmente innovadoras. Optar por novos mercados ou canles alternativas, apostar polo natural e o sustentable, diferenciarse pola calidade ou a especialización, probar coa cocreación ou recorrer a novos e arriscados modelos de negocio, foron algunhas das súas recomendacións.

Por outra banda, a xornalista Lucía Pita, responsable do proxecto “Vivir na Coruña”, explicou como creou esta plataforma dixital de difusión cultural, tras detectar que na cidade existía falta de información en tempo real sobre a oferta de actividades culturais. Por medio dunha ampla rede de colaboracións, converteron a súa idea nunha realidade que achega aos usuarios contidos totalmente diferentes aos dos medios de comunicación convencionais.

O encontro empresarial pechouse cunha mesa redonda na que Ramón Corujo, director de I+D doutro Enfoque; Leticia Jorge, xerente de AESGAL; María Jover, socia de Natural Healing e María Nimo, xerente de Dismedia; compartiron a súa experiencia emprendedora e resolveron algunhas das dúbidas dos asistentes.

Factoría de Innovación da Coruña

A Factoría de Innovación da Coruña é un novo Centro de Excelencia dedicado ao desenvolvemento do potencial innovador das pemes e organizacións empresariais galegas. Promovida pola Escola de Organización Industrial (EOI) e a Deputación da Coruña; e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, esta Factoría ten por obxectivo facilitar ás empresas a posta en marcha de proxectos innovadores, que contribúan a dinamizar a súa actividade empresarial e mellorar os seus procesos de produción e xestión, favorecendo a implantación de iniciativas de I+D e Innovación.

Con esta finalidade, puxo en marcha un amplo programa de actividades en aberto e un exclusivo programa de adestramento individualizado, no que participan 145 pemes que, coa axuda dun coach especializado, poderán identificar, definir e pór en marcha polo menos un proxecto innovador, que lles permitirá ser máis competitivas no sector no que operan.

11 de setembro de 2014 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.