A Eurocidade acollerá un curso de español
Vinte alumnos/as, a maioría mozos/as residentes no territorio da Eurocidade Chaves-Verín, iniciaron esta semana un curso de español de nivel 2, na sede da Eurocidade, que se prolongará durante todo o mes de setembro.
Organizado pola Antena Local de Verín da Cámara de Comercio e Industria de Ourense e a Eurocidade Chaves-Verín AECT, esta acción formativa conta co apoio do Instituto Português do Desporto e Juventude (IPDJ) e a colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, no ámbito das actividades do Posto Transfronteirizo de Información Xuvenil, que se atopa na sede da Eurocidade, en Feces de Abaixo.
Esta acción formativa de 40 horas desenvólvese de luns a xoves, de 20 a 22 horas (horario español) e ten por obxecto proporcionar aos/ás participantes ferramentas de comprensión, lectura, escrita, oralidade e reflexión sobre o idioma, que lles permitan consolidar e profundar nos coñecementos culturais e lingüísticos, e avanzar cara un novo nivel de aprendizaxe da lingua española. Os coñecementos da mesma trabállanse a través de tres ámbitos: formación teórica, parte práctica (con debates de temas da actualidade) e visita cultural.
Durante o último día do curso, realizarase unha visita guiada ao conxunto histórico de Ourense, no que poderán coñecer a Catedral, pasear polas Burgas (fontes termais que nacen a unha temperatura lixeiramente inferior á das Termas de Chaves), visitar a Praza Maior (centro neurálxico da cidade) e cruzar a Ponte Romana. Despois do xantar, os/as alumnos/as visionarán un filme en español, co obxecto de profundar nos coñecementos adquiridos nas clases teóricas. Ao finalizar o curso, a organización entregará un diploma aos/ás alumnos/as que realicen polo menos o 75% das horas lectivas totais.
A Eurocidade Chaves-Verín é un proxecto de cooperación transfronteiriza aprobado no ámbito do Programa Operacional de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP), coa participación financieira da Unión Europea (co-financiamento FEDER).











