A Estación Fitopatolóxica de Areeiro confirma o mal estado de varias árbores da Xunqueira
Un técnico da Estación Fitopatolóxica de Areeiro visitou esta mañá o parque da Xunqueira a petición do Concello co obxecto de analizar o estado das árbores do paseo central. Acompañáronno o alcalde, Tomás Fole, o director de obra e arquitecto municipal, e responsables da empresa que executa a reforma do parque, aos que, rematada a inspección, o experto informou das causas polas que as raíces dos exemplares de maior envergadura espállanse en superficie en lugar de afondar na terra e tamén de que detectara que as árbores máis próximas ao centro comercial tiñan signos evidentes de enfermidade e inicio de podremia.
O requirimento dos servizos dos técnicos de Areeiro realizouse ante a problemática do levantamento do pavimento do paseo central por oparte das raíces das árbores máis grandes. Esta situación foi unha das causas principais do mal estado que presentaba esta zona de paso principal do Parque da Xunqueira xa que, ademais de obstaculizar o tránsito de peóns e carros, tamén supoñía un risco de caídas e tropezóns.
A visita do técnico da Estación Fitopatolóxica fíxose a primeira da mañá. Tras inspeccionar o terreo e tomar algunhas mostras, o técnico explicou que a causa de que as raíces das árbores non afonden na terra, como debería acontecer, é que o nivel freático na zona está moi elevado. Compre lembrar que o Parque emprázase nunha xunqueira, en terreo pantanoso que se recheou con motivo da creación desa zona verde. Por iso, como as raíces non necesitan enterrarse máis para poder alimentar á arbore, e ademais, dado que facelo sería contraproducente porque “afogaríase” por exceso de auga, as raíces medran en horizontal pola superficie e mesmo en espiral.
Dado a imposibilidade de facer que baixe o nivel freático das augas, a problemática das raíces en superficie persistirá, co agravante de que canto máis medren as copas das árbores, máis inestables serán e menos resistencia porán ante o vento, porque as raíces non os suxeitarán ben, co conseguinte risco que isto supón.
Outro problema engadido, detectado pola empresa que acomete as obras ao levantar o enlousado do paseo central do parque, é que este crecemento anormal das raíces en horizontal xa tiña provocado danos nas redes de recollida de pluviais e saneamento que discorren por esa zona.
O técnico de Areeiro tamén confirmou a existencia doutras árbores do paseo central que se atopaban enfermas e que xa presentaban síntomas de podremia, un estado irreversible que avanzaría ata que ramas e troncos sequen por completo. Para evitar riscos de desprendemento por podremia ou secado, o técnico aconsellou a tala das árbores afectadas e que son as que se atopaban mías próximas ao Centro Comercial.
Dado o atraso que acumula a demandada obra de reforma do Parque da Xunqueira debido ao elevado número de empresas que concorreron ao concurso e que a Deputación tivo que informar unha a unha, o Concello pretende que os vilagarciáns poidan recuperar esta céntrica zona de esparexemento coa maior brevidade. Por esta razón e a efectos preventivos, tendo constancia verbal do informe que redactará o Técnico de Areeiro e que vai no mesmo sentido que os do responsable do Servizo de Xardíns do Concello e o do Arquitecto Municipal e director da obra, o goberno ordenou a corta das árbores enfermas, as que se atopaban máis preto da entrada ao Centro Comercial, a efectos de que a adxudicataria poida continuar as obras por ese tramo e non se demore máis a súa execución.











