A Escola Municipal de Atletismo de Pontevedra comeza os seus adestramentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesPontevedra
A-
A+

Co comezo de outubro, a Escola Municipal de Atletismo, da Sociedade Ximnástica de Pontevedra e que patrocina o Instituto Municipal de Deportes, reinicia a súa actividade tras o parón do verán.

Se o curso pasado máis de dous centenares de pontevedreses chegaron a inscribirse nas Escolas, a alta demanda dos últimos días, prevé que poidan superarse estas cifras.

En principio todos están citados ás seis da tarde no Pavillón Municipal de Deportes, para a primeira sesión de adestramentos, que estarán dirixidos polos 8 monitores que pon a Ximnástica, aínda que en función do número de alumnos pode incrementarse.

A partir de aquí os luns, mércores e venres de seis a sete da tarde, levarán a cabo os adestramentos no Pavillón Municipal, aínda que os infantís faranos no CGTD de Pontevedra e os cadetes terán un horario distinto, de sete a oito e media da tarde no CGTD.

Ao longo dos 8 meses de duración da Escola, os futuros atletas pontevedreses tamén terán as súas competicións, a desenvolver principalmente os sábados pola mañá; volverán as xornadas do Xogatlon que organiza a Ximnástica; participarán de novo activamente no Programa XOGADE da Xunta de Galicia e nos Campionatos que celebre a Federación Galega de Atletismo.

María Jesús Gestido volve competir con bos resultados

Unha das incorporacións máis importantes da tempada, para a Sociedade Ximnástica, foi María Jesús Gestido, Campioa de España de Maratón o ano pasado, título que xa conseguira en 2009.

Até o pasado fin de semana non a vimos competir, María Jesús iniciou a tempada centrada en ser nai e tras o exitoso embarazo, estes días volveu correr polas estradas galegas e por partida dobre en Riveira e na Gándara.

Na localidade coruñesa da Gándara, pertencente ao Concello de Boimorto, participou na oitava edición da súa carreira popular, nunha distancia algo superior aos seis quilómetros. A atleta pontevedresa entrou en meta no posto 26 e foi a primeira muller en facelo.

Ao día seguinte participou nos 10 quilómetros da carreira popular de Santa Uxía de Riveira. Aínda que tamén era Campionato Galego da distancia, María Jesús quixo participar soamente na carreira popular para centrarse en gozar da súa volta á competición e a verdade é que non o fixo nada mal ao conseguir a súa segunda vitoria en dous días.

Javier Paredes imponse noutra carreira máis do Circuíto de Ourense

Con saída desde as pistas de atletismo universitarias de Ourense, disputouse a carreira Zona Universitaria, pertencente ao Circuíto de Carreiras Populares do Concello de Ourense e que contou coa presenza do atleta da Sociedade Ximnástica, Javier Paredes, que lidera o Circuíto na súa categoría de maiores de 35 anos.

Na súa volta á actividade tras unhas semanas de descanso, para empezar a cargar as pilas de cara á tempada de campo a través, Javier impúxose na carreira e continúa liderando o Circuíto.

Outra das moitas carreiras que se desenvolveron en Galicia ao longo do fin de semana foi a que se celebrou no Concello de Culleredo, a segunda edición da carreira popular de Aceda de Ama, que volveu ver aos atletas da Ximnástica nos postos de cabeza, aínda que non subiron ao podio, Ramón Serantes estivo moi preto cun cuarto posto, sendo secundado polo seu compañeiro de equipo, Jacobo Gesto, que entrou en meta en oitavo lugar.

30 de setembro de 2014 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.