A ESAD denuncia recorte de profesores mentres a Xunta considera que son máis que suficientes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

A comunidade educativa da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, con sede en Vigo, denunciou a redución dun 10 por cento do seu persoal (cinco profesores menos) a partir do próximo curso, e advertiu de que, nesas circunstancias, non se poderán cubrir as necesidades académicas e artísticas.

Profesores, alumnos e representantes do mundo da cultura, que contan co apoio da Xunta de Persoal Docente da provincia de Pontevedra, iniciaron unha campaña para “sensibilizar” á administración pública sobre a “gravidade da situación”.

A ese respecto, advertiron de que este recorte suporá que non poderán cumprir as esixencias do Espazo Europeo de Educación Superior. Por iso, iniciarán as mobilizacións cunha concentración, o próximo 9 de setembro, fronte ao edificio administrativo da Xunta en Pontevedra.

Pola súa banda, a Consellería de Educación garantiu que este centro contará con 40 docentes, un número “máis que suficiente” para asumir a carga lectiva da Escola.

Segundo sinalaron fontes da consellería, cada profesor impartirá unha media de 14 horas de clase, por baixo das estipuladas pola normativa vixente, e o cociente profesor-alumno é de 1-12, “a moita distancia” do que establece a lei. Á vista deses datos, a Xunta considera que as necesidades quedan cubertas, e lamenta as denuncias da comunidade educativa que, ao seu xuízo, pretenden “desinformar á sociedade”.

Educación sinalou que a súa aposta polos ensinos artísticos é “clara”, tanto polo feito de que a ESAD imparte 16 especialidades, como polo investimento no novo edificio, de máis de 6,5 millóns de euros.

5 de setembro de 2014 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.