A Deputación garante un punto de atención turística permanente na Estación Marítima de Vigo
A Deputación de Pontevedra manterá operativa durante todo o ano a oficina de información turística aberta esta mesma semana na Estación Marítima de Vigo. Así o anunciou onte o vicepresidente da Administración Provincial, José Manuel Figueroa, durante unha visita á instalación acompañado do presidente da Autoridade Portuaria, Ignacio López Chaves.
Figueroa fixo coincidir o seu anuncio coa chegada á cidade de cinco cruceiros en só dous días. As técnicas do punto de información instalado pola Deputación no porto confirmaron que nestas dúas xornadas máis dun milleiro de persoas reclamaron atención turística. Soamente os cruceiros chegados nos últimos dous días á cidade deixaron en Vigo a máis de 15.000 visitantes entre cruceristas e tripulacións.
A oficina da Deputación no porto é, por agora, móbil, e será substituída ao final da tempada de cruceiros de 2014 por outras instalacións de carácter permanente.
O vicepresidente da Deputación destacou o feito de que a provincia de Pontevedra vaia a recibir neste ano 2 millóns de visitantes e rexistre preto de catro millóns de pernoctacións. A Rías Baixas, segundo explicou Figueroa, son xa o quinto destino turístico preferido polos visitantes nacionais.
“O turismo é un dos nichos de negocio máis puxantes en Pontevedra, con maior proxección e capacidade de resistencia fronte á crise”, apuntou tras aclarar que este sector xera o 12% do PIB provincial, factura 2000 millóns de euros ao ano, e emprega 40.000 persoas vinculadas directa ou indirectamente a un total de 27.000 empresas.
José Manuel Figueroa tamén agradeceu a colaboración aberta do Porto de Vigo coa oficina de turismo Rías Baixas e aludiu indirectamente á ausencia de puntos de información municipais na zona advertindo que “cada un atenderá ás súas responsabilidades “.
Tanto Figueroa como Ignacio López Chaves, destacaron o feito de que os próximos días 28 de setembro 18 de outubro, o porto vigués vaia a recibir a visita do emblemático cruceiro ‘Oasis of the Seas’, considerado o máis grande do mundo, con capacidade abordo para 16.000 persoas entre turistas europeos e norteamericanos na súa maioría.
Na actualidade o porto de Vigo recibe cada ano máis de 200.000 visitantes chegados de máis dun centenar de cruceiros e converteuse na principal referencia deste tipo de turismo en todo o noroeste peninsular.











