A Deputación financiará con 70.000 euros 20 prazas no Centro Ocupacional A Escada de Culleredo
O Pleno da Deputación da Coruña aprobará o próximo martes a renovación do convenio anual que mantén a institución provincial co Concello de Culleredo para financiar a reserva de 20 prazas no centro ocupacional A Escada.
Así, segundo se explica no texto do acordo, a Deputación achegará a cantidade económica necesaria para cubrir a totalidade dos custos de cinco prazas para usuarios procedentes dos concellos da área metropolitana da Coruña (Oleiros, Sada, Bergondo, Betanzos, Abegondo, Carral, Cambre, Arteixo e A Coruña) e tamén o 40% doutras 15 prazas para veciños de Culleredo.
A Deputación financia tanto os gastos de persoal (pedagoga, monitora dos obradoiros, persoal administrativo e de atención especializada) como os de mantemento, subministracións, transportes ou mesmo traballos realizados por outras empresas. En total, a achega económica provincial é de 69.160,52 euros, o que supón o 55% do orzamento total (125.746,47 euros).
O Centro Ocupacional A Escada, pertencente ao Concello de Culleredo, ten como obxecto facilitar o acceso a actividades e ocupacións a persoas con diversidade funcional, o que supón unha actividade de integración e de mellora de calidade de vida para un colectivo moi necesitado. No caso do centro de Culleredo, a atención é para adultos con discapacidade intelectual leve ou moderada.