A Deputación destina 144.000 euros á recuperación dos xardíns da Casa-Museo da Navegación de Baiona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaPontevedra
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación acaba de concederlle, na súa xuntanza desta mañá, unha subvención de 143.383,26 euros ó Concello de Baiona para recuperar os xardíns e o terreo da Casa-Museo da Navegación.

A maiores, a Deputación deseñará, fabricará e instalará o mobiliario urbano que completará a urbanización e adecuación deste terreo, ó abeiro dun convenio de colaboración que tamén foi autorizado esta mañá pola Xunta de Goberno.

En concreto, a Escola de Canteiros e os talleres ocupacionais de Príncipe Felipe construirán unha zona de xogo para nenos, de temática marítima, que terá como elemento central unha representación da Carabela Santa María partida en dúas tras encallar na actual República Dominicana; 4 bancos cos seus correspondentes farois e 3 farois de pé, entre outros elementos.

O material para a fabricación destes elementos (pedra, madeira, ferro galvanizado…) será subministrado polo propio Concello.

No que respecta á subvención concedida, permitirá actuar no terreo urbano da antiga Casa Carvajal, actualmente dedicada a Museo da Navegación, de forma que acollerá diversos espazos, desde auditorio ó aire libre ata parque infantil, pasando por zonas de paseo ou bancadas.

Así, na zona sueste crearase un acceso dotado de bancadas que caen en cadoiro, concibido para lugar de estancia e contemplación. As bancadas serán de granito e madeira e estarán dotadas de iluminación, papeleiras, escavas e outros elementos urbanos.

No sector oeste instalarase a dita zona de xogo infantil rememorando a Carabela Santa María e, nas proximidades das rúas Ventura Misa e Manuel Misa, situarase o obelisco dedicado a Ventura Misa, que será trasladado alí desde a súa actual localización no Paseo da Ribeira.

Todo iso completarase coa mellora do terreo, o axardinamento e a pavimentación.

26 de setembro de 2014 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.