A Deputación de Pontevedra investirá 160.000 euros en melloras viarias en Redondela e na reforma do auditorio de Gondomar
A Deputación de Pontevedra investirá preto de 160.000 euros en obras de mellora viaria en Redondela e na remodelación do escenario, camerinos e aseos do Auditorio Municipal de Gondomar.
No primeiro caso, a Administración Provincial adxudicou á empresa Obras, Transportes y Construcciones Fontefría S.L. os traballos de pavimentación dun camiño municipal en Fortóns, cun orzamento de 76.230 euros.
Cunha lonxitude de 1,5 quilómetros e de ancho variable, as obras neste vial incluirán a limpeza de cunetas e marxes a ambos lados do camiño, o estendido dunha capa de regularización a base de aglomerado asfáltico e unha nova capa de rodadura.
82.000 euros para o auditorio
En canto ao Auditorio Municipal de Gondomar, a Deputación acordou concederlle ao concello, no marco do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais (PUSIM), unha subvención por importe de 82.220,94 euros, para o financiamento dos traballos de reforma.
Esta actuación consistirá na ampliación do escenario en altura, a remodelación dos camerinos e a construción dun novo aseo.











