publicidade hoxe

A Deputación da Coruña inicia en nove concellos o programa de actividades para promover o uso do galego entre os nenos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBergondoFisterraLousameMesíaSobrado
A-
A+

A Deputación da Coruña promoverá nas próximas semanas distintas actividades de teatro infantil en ata nove concellos da provincia co obxectivo de fomentar o uso do galego entre os máis pequenos e aumentar a oferta de lecer nesta lingua para as xeracións máis novas.

A primeira das actividades de dinamización é “Os bolechas e o sabichón”, que chegará a partir do domingo a cinco municipios: Lousame (14 de setembro ás 19.00 horas), Fisterra, (día 26 ás 19.00 horas), Bergondo (o 27 ás 18.00), Sobrado e Mesía (ambos o día 28 ás 12.00 e 18.00 horas, respectivamente).  

Esta obra teatral consiste nunha parodia dun concurso no que os participantes serían esta familia creada por Pepe Carreiro, pero na que tamén interactúa  todo o público asistente.

A outra das obras que se levará pola provincia é “As fabas máxicas”, unha versión renovada do conto tradicional creada por Caramuxo Teatro. Chegará ao auditorio municipal de Outes o sábado 20 de setembro (19.00 horas), despois interpretarase na sala Mozart de Santiago (día 21 ás 12.30 horas), no auditorio de Cabana de Bergantiños (o 25 ás 10.30 da mañá), no edificio de usos múltiples de Teixeiro, en Curtis (o 26 ás 18.00), para seguir no auditorio de Dumbría (sábado 27 ás 17.00 horas) e rematar no albergue do Concello de Toques (o día 28 ás 11.30)

A Deputación é membro da Rede de Dinamización Lingüística e, como tal, está comprometida a promover actividades que fomenten o galego. Ademais dos programas que desenvolve dende o departamento de Normalización Lingüística, como este tipo de actividades infantís ou o premio Rosalía, pon a disposición de todos os concellos unha liña de subvencións específica para que dispoñan da súa propia oficina neste ámbito no seu municipio.

A Deputación investirá 13.230 euros na celebración destas actividades infantís.

9 de setembro de 2014 | 11:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.