A Deputación da Coruña destina 100.000 euros a obras de conservación en San Sadurniño
A Deputación da Coruña aprobará no próximo Pleno que terá lugar o martes día 30 un convenio coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol para axudar a financiar diversas actuacións que se levan a cabo na igrexa de Santa María e convento do Rosario en San Sadurniño.
O avanzado estado de deterioramento no que está o templo fixeron necesarias estas obras, que pretenden a mellora da estrutura, a cuberta, os pavimentos e as instalacións de fontanería e saneamento. Así, evitaranse as continuas humidades no interior e axudará a preservar a conservación dun ben de grande importancia para o patrimonio da provincia.
A primeira referencia que se conserva do conxunto arquitectónico que forman a igrexa e o convento é do ano 868. Pertence á sede Iria Falvia e no seu interior conserva os sepulcros de Fernando de Andrade e a súa muller Inés de Castro.
O claustro dispón dun xardín central e está composto por 28 arcos con esquinas dispostas en chanzos, destacando entre as súas estancias unha escaleira de serpente feita con pedra de Moeche, un reloxo de sol e a “Sala de Profundis”, lugar onde os relixiosos rezaban o salmo antes de pasar ao refectorio.
Para garantir a súa conservación, a achega da Deputación é de 100.000 euros, o que supón preto do 75% do orzamento total da obra, cun custe de 134.247,87 euros.