A Deputación da Coruña colabora con 30.000 euros no plan para a erradicación do chabolismo en Narón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaNarón
A-
A+

A Deputación da Coruña colabora un ano máis co Concello de Narón no seu programa para a erradicación do chabolismo e das infravivendas no municipio. Así, esta mañá o deputado Miguel de Santiago asinou un acordo co alcalde, José Manuel Blanco Suárez, polo que o ente provincial facilitará 30.000 euros para este plan, o que supón o 50% do custo total da iniciativa.

O programa ten como finalidade realoxar ás persoas que viven neste tipo de infravivendas para sacalas da marxinación e favorecer a súa integración social. Para iso, seguirase un plan de inclusión residencial desta comunidade cun proceso de realoxo ou de rehabilitación dentro do municipio.

Coa achega provincial fináncianse os gastos de persoal daqueles profesionais especializados que levarán a cabo o proceso como son avogados, traballadores e educadores sociais, psicopedagogos… En total, o equipo estará integrado por nove persoas. 

A Deputación tamén contribúe cos plans de erradicación do chabolismo dos concellos da Coruña e Santiago. Neste sentido, Miguel de Santiago destacou a importancia de seguir apoiando este tipo de iniciativas sociais “para loitar contra os guetos de marxinación na provincia”.

2 de setembro de 2014 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.