publicidade hoxe

A Deputación cede ao Concello de Arteixo infraestruturas, parcelas e servizos do polígono de Sabón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArteixo
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, falou esta mañá no pleno provincial dun “día histórico” para a institución e, por extensión, para toda a provincia: “Hoxe aprobamos o convenio para a cesión de infraestruturas, parcelas e servizos do polígono de Sabón ao Concello de Arteixo e tamén hoxe a nosa Tesourería realizou o último pago para a cancelación definitiva da débeda financeira desta institución”.

Así, e con respecto á primeira cuestión, Calvo apuntou que “grazas á colaboración entre administracións, ao bo traballo dos técnicos, e tamén á boa disposición dos empresarios do polígono”, estase a dar un paso importantísimo para todos nós, xa que “coa situación actual, non tiña sentido que a Deputación continuara a ser titular e xestora do polígono de Sabón”.

Así, e por unanimidade dos grupos políticos, votouse a favor da cesión de titularidade do polígono ao Concello de Arteixo, cuestión que corre parella a un investimento de seis millóns de euros por parte da Deputación para “realizar todas as actuacións necesarias para que Arteixo reciba un polígono de Sabón en perfectas condicións”.

As actuacións previstas afectan tanto á rede viaria como ás zonas verdes, que inclúen a contorna do embalse, e ao abastecemento de auga e saneamento. 

Así, e conforme ao texto do convenio, humanizarase o contorno dos viarios dándolle un tratamento homoxéneo; adecuarase a iluminación ás recomendacións actuais; e canalizaranse as augas pluviais co obxectivo de minimizar os puntos de vertido.

Auga potable

En canto ao abastecemento, a Deputación comprométese a dotar ao polígono de Sabón dunha fonte segura de auga potable, algo que se realizará ben mediante a reforma da actual ETAP ou ben mediante un colector de transporte que poida garantir o subministro dun caudal medio de 100 litros por segundo. Ademais, substituiranse as actuais tubaxes de fibrocemento. No caso de que se manteña a rede do polígono para auga industrial, executarase unha rede complementaria de auga potable.

Tanto o alcalde de Arteixo como o presidente dos empresarios do polígono, Manuel Rivas, ambos deputados provinciais, felicitáronse polo acordo adoptado e agradeceron todo o traballo realizado polos técnicos porque “este convenio é bo para todos os veciños de Arteixo e tamén para os traballadores do polígono”. 

Débeda cero

Diego Calvo, durante a súa intervención, lembrou tamén “o traballo realizado polos membros de anteriores corporacións” e compartiu co resto dos deputados o que el sinalou coma “unha data histórica para a Deputación” porque precisamente durante esta mañá realizouse o último pago necesario para a cancelación da débeda financeira que mantiña a institución provincial. “Hoxe podemos dicir que temos débeda cero e que somos unha das administracións máis saneadas de España e hoxe podemos dicir que a partir de agora o noso orzamento xa non incluirá reservas para amortización de débeda nin intereses, o que nos permitirá facer máis investimentos nos lugares que se necesitan”, concluíu o presidente. 

A transacción realizada esta mañá suma algo máis de 19 millóns de euros, e completa os 36 millóns pendente de amortización por parte da Deputación cando se firmou un convenio coa entidade ABANCA para, por unha banda, cancelar toda a débeda, e, por outra, poñer eses cartos á disposición da poboación a través de créditos brandos para familias, emprendedores e administracións locais.

30 de setembro de 2014 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.