publicidade hoxe

A costa atlántica de Carnota e Muros será o último destino do sendeirismo de maiores de Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

Os maiores de Oleiros que participan no programa de sendeirismo de Ven e Descubre percorren, antes de que remate o verán, a última das rutas programadas, a “Ruta atlántica entre pías e cacholas”.

Un fermoso percorrido de 14 km por sendeiros do Monte Louro, en Muros; unha mole de granito que marca o límite entre a ría e o mar aberto, modelada pola erosión do vento e a choiva que desfai a rocha para formar as pías e as cacholas.

Tamén visitan dous puntos de alto valor ecolóxico, a lagoa de Xalfas e as dunas de Area Maior. Nesta zona a paisaxe común son inmensas praias de area fina e branca, pero tamén de coídos, que conforman un litoral de incomparable beleza pero altamente perigoso para a navegación.

Esta costa alberga a Reserva Os Miñarzos, a primeira reserva de interese pesqueiro da costa atlántica da península ibérica creada pola iniciativa da confraría de pescadores de Lira. Trátase dun espazo mariño protexido legalmente para promover o uso sostible e manter o patrimonio natural e cultural.

Nesta última ruta participarán 145 maiores de Oleiros. Os veciños de Dorneda, Santa Cruz e Os Regos xa o fixeron o pasado día 3 e o resto das parroquias o farán a próxima semana, os días 10 e 12.

O obxectivo de gozar da natureza e achegarnos á sensacións de plenitude e benestar ao realizar exercicio físico en boa compaña, está máis que acadado grazas á fermosa estampa que nos deixa a natureza nesta zona. Paraísos próximos, lugares cheos de beleza, que están a descubrir os maiores de Oleiros neste mes de setembro polas localidades da costa atlántica de Muros e Carnota.

5 de setembro de 2014 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.