A Coruña será escenario do Campionato Ibérico de Fútbol sala para Forzas e Corpos de Seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDeportes
A-
A+

O responsable municipal de Deportes, Francisco Mourelo, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña e concelleira de Barrio no Concello, Mariel Padín, recibiron aos organizadores de VI edición do Campionato Ibérico de Fútbol sala para Forzas e Corpos de Seguridade, que se celebrará na cidade a próxima semana, entre os días 11 e 13 de setembro.

Un total de 20 equipos (13 españois e 7 portugueses) disputarán o torneo. Entre os inscritos, seis clubs galegos, cos equipos da Policía Local da Coruña e o Corpo Nacional de Policía de Galicia como anfitrións. En total, 240 participantes inscritos.

A fase previa arrincará o 11 de setembro ás 16.30 horas e continuará o día 12 pola mañá. Distribuídos en catro grupos de cinco equipos que disputarán os seus partidos nos pavillóns de Riazor, Calvo Sotelo, Os Rosales e Cocheiras. Os catro primeiros de cada grupo disputarán o venres, 12 de setembro, a partir das 16.00 horas, unha segunda fase, distribuídos en catro grupos de catro equipos, que xogarán os seus encontros en Riazor e Os Rosales. Clasificaranse para a rolda eliminatoria final os dous primeiros de cada grupo.

Para o 13 de setembro, queda a disputa dos partidos para a clasificación por postos (do noveno ao vixésimo clasificado) e a fase final en Riazor, cos cuartos de final e as semifinais. A continuación, o terceiro e cuarto posto, que se celebrará ás 19.15 horas, mentres que a gran final disputarase ás 20.00 horas. A entrega dos trofeos será ás 21.00 horas no propio Palacio de Deportes de Riazor.

PREMIOS

Nesta sexta edición, que conta coa colaboración da Concellaría de Deportes do Concello da Coruña, a organización incrementou os premios do Campionato Ibérico de Fútbol sala para Forzas e Corpos de Seguridade:

– Equipo campión: trofeo e invitación para a seguinte edición, incluíndo inscrición e aloxamento de 12 membros do equipo (aproximadamente, 2.100 euros).

– Equipo subcampión: trofeo, cheque por valor de 300 euros e invitación á seguinte edición, incluíndo a inscrición (en total, 600 euros).

– Terceiro clasificado: trofeo e invitación á seguinte edición, incluíndo a inscrición do equipo (300 euros).

– Cuarto clasificado: trofeo e cheque por valor de 150 euros.

– Trofeos para mellor xogador, máximo goleador, equipo menos goleado e até o oitavo clasificado. Para o resto de clubs, hai trofeos conmemorativos.

Nesta edición, tamén se disputarán outros dous torneos durante o sábado, 13 de setembro: ás 17.30 horas, o torneo Triangular Feminino, con dous clubs da policía de Portugal e as Viaxes Amarelle da Coruña; e, desde as 18.20 horas, o torneo da Asociación do Corpo Nacional de Policía de Galicia – Benxamíns de Futsaco.

6 de setembro de 2014 | 14:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.