A Coruña converterase na capital do ciclismo coa chegada da Volta 2014 o vindeiro mércores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

Os concelleiros Francisco Mourelo e Begoña Freire, e a vicepresidenta da Deputación Provincial da Coruña, Mariel Padín, informaron esta mañá do paso da Volta 2014 pola cidade, que será a meta da 17ª etapa o vindeiro mércores, 10 de setembro.

“Para A Coruña é unha honra volver acoller A Volta, unha das grandes probas mundiais de ciclismo, e ademais facelo como meta, o que nos converterá, durante unhas horas en capital dun dos deportes con maior afección”, sinalou o concelleiro, quen destacou a aposta do Goberno local polo deporte, combinando as accións que pretenden incluír os hábitos saudables no día a día dos cidadáns a través do impulso do deporte base e as escolas deportivas municipais, coa organización de grandes eventos como o Maratón Coruña 42, os partidos de baloncesto da selección española, a Tall Ships Race ou, nesta ocasión, A Volta.

Neste sentido lembrou que, para fomentar a práctica deste deporte entre os máis novos, o vindeiro mércores, dúas horas antes da chegada da etapa, a Volta Junior, unha proba para 100 nenos, discorrerá polo último quilómetro do percorrido. Ademais, instalarase, desde as 16.30 horas na chaira de O Parrote, o Parque Volta que se compón de atraccións, probas de produto e degustacións dos patrocinadores.

Francisco Mourelo subliñou que, ademais de posibilitar que os afeccionados coruñeses e os visitantes teñan a oportunidade de vivir A Volta na cidade, ser a meta dunha das etapas supón unha importante promoción para A Coruña: “Hai que ter en conta que a Volta ten unha audiencia media de máis de 1 millón de persoas, que chega a 178 países e que a retransmisión televisiva asegúranos unhas dúas horas de promoción da cidade, con imaxes dos nosos principais atractivos”. Tamén lembrou que, ademais dos cidadáns do municipio e da área, o evento atraerá a afeccionados doutros recunchos da xeografía, así como todos os profesionais que traballan na caravana da Volta e que ascenden a 2.500 persoas, “o que supón movemento da actividade económica da cidade e por tanto, un importante retorno económico”.

Plan de tráfico

Begoña Freire, pola súa banda, informou de que, como ocorre cada vez que se programa un gran evento na cidade, o Concello deseñou un dispositivo especial de tráfico para tratar de minimizar os efectos que terá A Volta na circulación.

Tal e como explicou, A Volta, ao seu paso pola nosa cidade, contempla o percorrido, nun primeiro momento, a partir das 16.00 horas, da AC-11, Alfonso Molina, xiro cara á estrada de POCOMACO para dirixirse, por Mesoiro e Feáns cara a Arteixo pola CP-0512. Novo Mesoiro circulará cara ao polígono de POCOMACO por Illa de Sálvora e desde o polígono darase saída pola estrada de O Birloque.

Estímase que, despois, a carreira chegue á cidade a partir das 17.15 horas pola Terceira Rolda e diríxase á Rolda de Outeiro, Estrada dos Fortes, estrada de O Portiño, paseo marítimo á altura de O Portiño, Milenium e San Roque de Fóra, avenida de Buenos Aires e avenida Pedro Barrié da Maza, onde finalizará.

Por este motivo, haberá peches puntuais de tráfico ao longo de todo o percorrido que irá executando a policía local en coordinación coa Garda Civil e a colaboración de Protección Civil. En total, uns 90 efectivos, entre axentes da Policía Local e membros de Protección Civil, coordinarán todos os labores deste dispositivo especial.

Ademais, para recibir A Volta, dispúxose a zona de meta nun espazo “espectacular fronte á praia do Orzán”. Por este motivo, hai que restrinxir a circulación no paseo marítimo no tramo entre as rúas Juan Canalejo e Curros Enríquez que estarán cortadas á circulación, o martes 9 de setembro de 22.30 a 24.00 horas e o propio día 10, de 09.30 a 21.00 horas, tanto para facilitar o desenvolvemento da proba como para os labores necesarios de montaxe e desmonte da liña de meta. A partir das 24.00 horas e até as 9.30 horas manterase neste tramo un carril de circulación aberto ao tráfico en cada un dos sentidos –para canalizar o tráfico de primeira hora da mañá-. “Pedímoslles aos organizadores da Volta un esforzo importante para poder manter estes carrís en servizo á primeira hora da mañá do día 10, para poder recibir á Volta neste espazo tan bonito da nosa cidade e de tanta visibilidade”, asegurou Freire. No caso do día 10, o corte estenderase desde Curros Enríquez até a avenida da Habana, desde as 15.00 horas até as 18.30 horas, con motivo da celebración da Volta junior no último quilómetro anterior á meta.

Como vías alternativas, Mobilidade propón:

-En sentido Riazor, desvíase o tráfico desde a glorieta da Casa dos Peixes pola avenida de Hércules, rúa da Torre, praza de España e San Andrés. Tamén se recomendan as opcións Veramar e avenida do Metrosidero.

-En sentido Torre de Hércules, desvíase a circulación por Juan Canalejo, Corralón, Zalaeta e Curros Enríquez. Estará cortada Rúa Alta en sentido dereito cara ao Paseo Marítimo.

A partir das 15.00 horas, con motivo da Volta Junior, mantéñense os desvíos en sentido Riazor e en sentido Torre de Hércules desvíase o tráfico por avenida da Habana, Alfredo Vicenti e San Andrés. Para facilitar a fluidez na rúa San Andrés, non se permitirá o xiro á esquerda desde San Andrés cara a Rúa Alta, fóra dos buses urbanos. Ao ter que afectar neste tramo o Paseo Marítimo, suprímense os accesos desde Rexedor Somoza e Rúa Alta ao Paseo Marítimo. En Rexedor Somoza (Túnel de e Juana de Veiga) só se poderá saír cara a Comandante Fontanes. En Rúa Alta, cara a Juan Canalejo.

Mobilidade propón tamén como accesos á Cidade Vella- Monte Alto e zona centro (tanto entradas como saídas):

– A través Alfonso Molina – Linares – Rivas – Cantóns – Avda da Mariña.

– Por avenida Finisterre – praza de Pontevedra – San Andrés

Ademais, as liñas de autobuses 3, 3A, 4, 6, 6A, 7 e 11; así como as 12A e 14, verán modificado o seu itinerario como consecuencia do paso dos corredores ou dos cortes programados.

Begoña Freire finalizou pedindo aos cidadáns a súa colaboración -para que, na medida do posible, entre as 15.00 e as 19.00 horas realicen os seus desprazamentos a pé ou en transporte público- e agradecendo a súa comprensión para que un gran evento como A Volta poida estar na nosa cidade: “Ser unha das metas da Volta é unha oportunidade para situar, unha vez máis, á cidade como un referente deportivo, e desde o Concello solicitamos a colaboración e apoio de todos os cidadáns para que o evento sexa unha gran festa”.

Pola súa banda, Mariel Padín, lembrou que este é o terceiro ano consecutivo que A Volta pasa pola provincia: “Desde a Deputación vimos que chegara o momento de que A Coruña recuperase un protagonismo que perdera e que merecía manter”, asegurou e lembrou que, tras 20 anos sen pasar pola provincia, en 2012 a Volta percorreu 30 concellos e en 2013 celebrouse a etapa do Fin do Mundo. Padín finalizou insistindo no importante retorno no ámbito deportivo e económico que suporá a celebración deste evento tanto na provincia como na cidade.

5 de setembro de 2014 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.