A Concellaría de Cultura da Coruña organizará o Festival Agra Directo 2014
O Goberno local, a través da Concellaría de Cultura, organizará no último cuadrimestre deste ano o Festival Agra Directo 2014, unha actividade que incluirá proxeccións audiovisuais, exposicións, talleres e representacións artísticas en espazos públicos do barrio do Agra do Orzán. O Concello adxudicou a programación e produción deste novo evento cultural que se enmarca dentro do proxecto Urbana C.
O Concello adxudica o Festival Agra Directo 2014 á proposta presentada por La Fábrica Gestión Más Cultura. Na programación e produción deste festival, invístense 79.860 euros. O 80% do financiamento corresponde aos fondos europeos FEDER, mentres que o 20% restante procede das arcas municipais. A nova actividade da área que dirixe Ana Fernández desenvolverase neste último cuadrimestre do ano e terá unha duración mínima de catro semanas.
O Goberno municipal aposta por unha programación variada que permita desenvolver diferentes actividades e iniciativas durante o Festival Agra Directo 2014:
– Intervencións artísticas en espazos e edificios públicos e en locais comerciais ou de hostalaría.
– Programación cultural (proxeccións audiovisuais, representacións de artes escénicas e musicais, exposicións, ou performances, entre outras actividades) en espazos e edificios públicos e en espazos non convencionais (como locais comerciais ou zonas comúns de inmobles privados).
– Proxectos participativos de creación en proceso e exhibición.
– Encontros, workshops e seminarios formativos.
– Talleres didácticos e actividades de animación cultural.
A maiores, a Concellaría de Cultura tamén proxecta accións dirixidas a nenos e nenas, xóvenes e persoas da terceira idade, con especial protagonismo a dúas temáticas: a atención á diversidade e a perspectiva de xénero.
O Festival Agra Directo 2014 contribúe ao desenvolvemento local e o fomento da cohesión social, impulsando obxectivos que forman parte da filosofía que representa o proxecto europeo Urbana C:
– Potenciar sinerxías entre o sector cultural e outros sectores económicos con presenza no barrio do Agra do Orzán, como a hostalaría e o pequeno comercio.
– Contribuír a dotar ao barrio dunha maior centralidade.
– Apoiar a creación cultural, con especial atención aos artistas locais e aos circuítos de exhibición do barrio.
– Revitalizar os espazos públicos do Agra do Orzán.
– Impulsar a cohesión social, a través do diálogo intercultural e a difusión de valores como a igualdade, a solidariedade e a tolerancia.
– Promover a participación cidadá e a implicación dos veciños nos procesos de desenvolvemento local.











