A Comisión de Patrimonio e Cidade do grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade reúnese na Casa de Galicia en Madrid

Foto de grupo dos participantes
Esta mañá celebrouse na sede da Casa de Galicia en Madrid a reunión da Comisión de Patrimonio e Cidade do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, a cuxos membros deu a benvida o delegado da Xunta da Galicia en Madrid, José Ramón Ónega. A reunión estivo presidida por Miguel Ángel Nieto, alcalde de Ávila e presidente desta Comisión.
Valorando a historia e patrimonio que atesouran estas cidades e a importancia da súa proxección no futuro, Ónega citou a afirmación de Bruke de que “as xentes que nunca se preocupan dos seus antepasados xamais mirarán cara á posteridade”. Nieto recordou que se reuniron recentemente en Santiago de Compostela e contaron co presidente de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, como anfitrión. Tamén que non é a primeira vez que se reúnen na Casa de Galicia e apreciou que o Grupo ten unha compañeiro de viaxe de excepción, Santiago de Compostela, unha das seis primeiras cidades fundadoras.
Ademais de coa do presidente, a reunión contou coa asistencia dos dous coordinadores da Comisión: Carmen Crespo, concelleira de Patrimonio do Concello de Tarragona, e Beatriz Jiménez, concelleira de Patrimonio do Concello de Ávila, e en representación dos seus concellos, da presenza dos concelleiros de Alcalá de Henares, Jesús Domínguez; Baeza, Dolores Marín; Cáceres, María Eugenia García; de Córdoba, Rafael Jaén; de Cuenca, Nieves Mohorte; de Eivissa, Catalina Sansano; de Mérida, Ángel Pelayo Gordillo; de San Cristóbal de la Laguna, Julia Dorta; de Segovia, Claudia de Santos; de Toledo, Ana Isabel Fernández; e de Úbeda, Virginia Ruiz.
Na primeira parte da reunión fíxose balance dos programas da Comisión nas súas distintas áreas executados ao longo de 2014: Xornadas Formativas sobre “Turismo e Accesibilidade e atención a persoas con Minusvalidez”, Libro Branco “Os plans de mobilidade nas Cidades Patrimonio da Humanidade de España”, o Congreso “Xestión de emerxencias no Patrimonio Histórico” celebrado en Ávila, un curso especializado en Córdoba sobre Apuntalamento de edificios históricos ante emerxencias, o Seminario Internacional “Cidades Históricas e Paisaxe Cultural e Urbano” celebrado en Cuenca, as Xornadas co título “A casuística dos Plans de Xestión do Patrimonio Mundial nas cidades do Grupo” que tiveron lugar en Ávila e a redacción do “Libro Branco do Patrimonio Arqueolóxico e Histórico das cidades do Grupo”, como máis destacados proxectos.
Na segunda parte da reunión da Comisión concretáronse as novas liñas de traballo do último trimestre de 2014 e primeiro semestre de 2015, que xirarán en torno á pedagoxía e o patrimonio, cun proxecto pedagóxico e divulgativo, a seguridade en grandes eventos culturais nos espazos históricos, a organización de novos cursos formativos para os corpos de extinción de incendios e emerxencias, diversas, actuacións baseadas no concepto de Smart City-Smart Heritage nos que o Patrimonio Histórico sexa a base para xerar innovación e riqueza co apoio das novas tecnoloxías, dentro do marco global de “cidade intelixente” e, por último, a redacción dunha guía arqueolóxica dixital das 15 cidades.
Os proxectos desenvolvido pola Comisión de Patrimonio do Grupo contan co apoio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través da Secretaría de Estado de Cultura e a súa Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico que para 2014 dotou unha subvención de 240.000 euros para os novos programas.
O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1993 cuxo obxectivo é actuar de xeito conxunto na defensa e a promoción do patrimonio cultural das 15 cidades que o compoñen, cuxos cascos históricos foron recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.











