publicidade hoxe

A choiva obriga a aprazar ata o 14 de setembro a andaina “Camiño do Mercado”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A choiva foi a triste protagonista deste domingo en Lousame, obrigando a aprazar a andaina “Camiño do Mercado”, unha iniciativa prevista dentro do proxecto “Cultura viva” que un grupo de mozos e mozas de Lousame presentou á Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Unha andaina que terá lugar o vindeiro domingo 14 de setembro, entre as 10:00 e as 13:00 horas na parroquia de Tállara (Lousame).

Máis de 120 veciños e veciñas, moitos deles familias con nenos e nenas, se achegaron esta mañá ata a pista polideportiva do Sanguiñal, punto de saída da andaina. Os membros de “Flashback”, nome do grupo xuvenil que organiza a actividade, agradeceron a colaboración prestada polo Concello de Lousame, por Protección Civil, polos participantes nas representacións teatrais previstas ao longo do roteiro e aos veciños e veciñas que permitiran o paso da andaina por camiños privados.

Os participantes saíron a iso das 10:20 horas do Sanguiñal, momento no que comezou a orballar. Moitos deles aproveitaron para coller os seus paraugas e chuvasqueiros dos seus vehículos e, como a intensidade era mínima, a expedición comezou o seu camiño. Dez minutos despois, comezou a caer unha forte tromba de auga que fixo que case a metade dos participantes dese media volta, sobre todo aqueles que ían con nenos pequenos. Cando apenas se levaban 20 minutos de camiño, a organización decidiu interromper a actividade, aínda que non eran poucos os que querían seguir adiante.

Tras reunirse na pista polideportiva do Sanguiñal, os membros de “Flashback” acordaron programar a mesma actividade, cos mesmos horarios, para o vindeiro domingo 14 de setembro. Se o tempo o permite, a andaina partirá ás 10:00 horas do Sanguiñal para facer un percorrido duns seis quilómetros por pistas da zona para volver ata Carantoña. Durante o traxecto, aos participantes íranlles aparecendo diversas personaxes e a representación teatral culmina na meta coa escenificación dun mercado tradicional para todos os públicos, a iso das 13:00 horas. A participación é totalmente libre e de balde. Máis información no 634 701 135.

 

7 de setembro de 2014 | 12:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.