A CEP e a Asociación do Empresariado Celayense reafirman a súa colaboración

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorPontevedraVigo
A-
A+

A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e a Asociación do Empresariado Celayense reafirmaron hoxe o convenio de colaboración que asinaron durante a misión empresarial promovida pola CEP en novembro de 2010 ao Bajío mexicano, durante a visita a Vigo dunha delegación empresarial da cidade de Celaya.

O presidente da CEP, Luís Novoa, lembrou que o primeiro contacto entre ambas as organizacións empresariais produciuse fai xa catro anos, con excelentes resultados. Froito daquela misión empresarial da Confederación, “oito empresas auxiliares galegas instaláronse no Bajío azteca e outras dúas teñen proxectado instalarse no curto ou medio prazo, con grandes perspectivas de negocio”, apuntou Novoa.

A reafirmación do convenio de colaboración produciuse previamente a un encontro profesional no que participaron máis de 30 empresas da provincia interesadas en aproveitar as sinerxías entre Pontevedra e o Bajío Mexicano, ambas con forte presenza de industria automotriz.

“Este irmandamento empresarial ofrece multitude de posibilidades, xa que Celaya é o destino que escolleron firmas do prestixio e solvencia de Volkswagen, General Motors e Nissan para establecer as súas próximas factorías, con todo o que iso leva: desde as oportunidades laborais até a demanda de todo tipo de bens e servizos no ámbito da loxística, a vivenda, o aloxamento, o lecer, as infraestruturas, etcétera”, explicou Luís Novoa.

O presidente da CEP aclarou que este desenvolvemento suporá que a capital do Bajío e a súa comarca duplicaría a súa poboación antes do 2019, até os dez millóns de habitantes.

Na reunión participaron, ademais de Luís Novoa, o presidente da Asociación do Empresariado Celayense, Enrique Jiménez Lemus; o presidente do Clúster Automotirz de Guanajuato, Fidel Otake Harada; e o Alcalde de Celaya, Ismael Pérez Ordaz, entre outras personalidades.

25 de setembro de 2014 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.