A Carpa Xplora Xuventude chega a Ponte Caldelas
Técnicos da Rede de Dinamización Xuvenil instalarán mañá martes na Alameda de Ponte Caldelas a carpa Xplora dentro do programa que está a levar a cabo a Consellería de Traballo e Benestar para informar dos recursos e programas que oferta a Dirección Xeral de Xuventude para os mozos.
A carpa Xplora permanecerá na Alameda de Ponte Caldelas desde as 16 ás 18 horas e pretende ser un espazo alternativo que complemente á Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) onde poder informarse sobre os recursos e programas que a Dirección Xeral de Xuventude oferta para eles e, así mesmo, facilitarlles asesoramento especializado a través de técnicos da Rede de Dinamización Xuvenil.
Esta campaña informativa, promovida pola Consellería de Traballo e Benestar, vén desenvolvendo por toda a xeografía galega desde o pasado mes de xuño e achégase ata Ponte Caldelas, na súa recta final, na que os técnicos da Rede de Dinamización Xuvenil percorreron xa 110 localidades coa carpa informativa Xplora, na que ademais de información específica e recursos e programas dirixidos aos mozos galegos, estas carpas pretenden ofertar un espazo aos grupos de mozos e entidades xuvenís no que poder mostrar as actividades e propostas que levan a cabo, servindo de escaparate da capacidade creativa dos propios novos.