publicidade hoxe

A Carpa xplora chega a Soutomaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

Os mozos do Concello de Soutomaior recibiron esta mañá a visita da Carpa Xplora da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. Trátase dun punto de información e asesoramento sobre programas e recursos para a mocidade, especialmente aqueles impulsados pola Dirección de Xuventude, como Erasmus+, o voluntariado xuvenil e ambiental, Galeuropa ademais de clásicos como o Carné Xove ou os diversos programas de mobilidade xuvenil promovidos pola Xunta de Galicia.

A xornada comezou coa visita ao CPI Manuel PadínTruiteiro. Alí, os escolares agrupábanse entusiasmados ao redor da carpa mentres escoitaban os consellos dos técnicos da Rede Galega de Dinamización Xuvenil e esperaban pacientemente para recibir as súas camisetas e doces de agasallo.

O Carné Xove foi unha das principais cuestións formuladas polos mozos, os descontos que leva, onde se pode solicitar… ademais da aplicación “Carné Xove”, para móbiles android, coa que os mozos poderán acceder a sorteos, premios e toda a información sobre os establecementos adheridos ao programa que ofrecen descontos nas súas tarifas.

A continuación a Carpa Xplora trasladouse ao Colexio Santiago Apóstolo. Divididos por cursos, desde secundaria a bacharelato, asistiron ás explicacións dos técnicos sobre os diversos programas de voluntariado a nivel europeo, a importancia da educación non formal ou os clásicos campamentos de verán da Xunta de Galicia.

Cabe destacar que ademais de información de interese, esta iniciativa pretende ofrecer un espazo de intercambio e colaboración aos grupos de mozos e entidades xuvenís no que poidan mostrar as actividades e propostas que levan a cabo, servindo tamén como un excelente escaparate para o seu talento.

A edil de Mocidade, Noelia Ocampo, acompañou durante toda a mañá aos alumnos de ambos os colexios para colaborar na campaña e recibir o material de difusión para o Concello. Ao finalizar a xornada a concelleira destacou a importancia desta clase de iniciativas para facer chegar a máxima información posible á mocidade, “sobre todo en concellos pequenos e con tan pouco recursos como o noso”, afirmou a edil.

26 de setembro de 2014 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.