A carpa de Coruña Smart City xa recibiu a visita de máis de 4.000 persoas
A carpa de Coruña Smart City, o primeiro punto de encontro entre o cidadán e o proxecto de cidade intelixente, recibiu a visita de máis de 4.000 persoas durante os catro días que estivo aberta ao público no Obelisco. A iniciativa forma parta do plan de difusión de Coruña Smart City, que durante os próximos meses contará as vantaxes e beneficios do proxecto.
O obxectivo desta actividade foi achegar o concepto de cidade intelixente aos coruñeses. A través de pantallas táctiles e un percorrido ameno e interactivo, os visitantes puideron familiarizarse coas vantaxes que ofrecerá a aplicación das novas tecnoloxías aos servizos municipais.
Ademais do contido dixital da carpa, os visitantes puideron levar a casa máis información sobre o proxecto, a través dos códigos QR despregados na exposición, folletos informativos e agasallos para os novos cidadáns smart.
Á carpa achegáronse persoas de todas as idades que mostraron interese por Coruña Smart City e os seus beneficios, xa que a iniciativa está pensada para mellorar a calidade de vida de todos os veciños, desde os máis pequenos até os maiores.
Tamén se convidou aos asistentes a participar nunha enquisa para coñecer o seu punto de vista sobre o proxecto. Segundo os datos recolleitos, o 98% dos enquisados considera que Coruña Smart City é un proxecto interesante e un 80% cre que esta iniciativa axudará a mellorar a súa calidade de vida.
Ademais, segundo as enquisas, o 43% dos asistentes xa sabía que A Coruña se está convertendo nunha cidade intelixente antes da súa visita á carpa, e o 57% restante tivo a oportunidade de coñecer o proxecto por primeira vez.
O plan de difusión de Coruña Smart City arrincou este mes co lanzamento das Historias Smart, cinco vídeos nos que se explica, dunha maneira conceptual, como o proxecto de cidade intelixente mellora o día a día de cinco cidadáns. Os vídeos tiveron unha gran acollida por parte do público nas redes sociais, con máis de 2.000 reproducións nas canles corporativas de Vimeo e Youtube. Os contidos da carpa están dispoñibles en smart.coruna.es.
O proxecto, iniciativa do Concello da Coruña e EMALCSA como solicitante, conseguiu, coa súa nova proposta, unha cofinanciación dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. Deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que chamamos o cerebro da cidade. A plataforma tecnolóxica xa está lista para conectarse á segunda fase que consiste en pór en marcha 14 proxectos pilotos que achegarán servizos máis eficientes e intelixentes aos cidadáns. Dos 14 pilotos, 10 están en fase de execución; dous están en proceso de adxudicación (eficiencia enerxética na EPAP da Telva e optimización do tráfico en tempo real) e os dous restantes (Interacción co cidadán e proxecto bio) están a piques de saír a licitación.
Ao redor de Coruña Smart City traballan máis de 30 empresas, a maioría coruñesas e galegas, un claro exemplo do motor económico e empresarial que supón o desenvolvemento deste novo modelo de cidade.
Desde a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como, estar entre os 6 proxectos máis innovadores de Europa para o premio á mellor Compra Pública Innovadora de 2014, PPI Award; o premio Socinfo pola integración tecnolóxica da súa plataforma, para unha xestión holística da cidade; o de Mellor iniciativa dunha administración,por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Dintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ou ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español.











