A Cámara dos Deputados de Arxentina declara a Termatalia de Interese Parlamentario
A Honorable Cámara dos Deputados da Nación Arxentina resolveu a declaración de “Interese Parlamentario” de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo de Saúde e Benestar que se celebra en Termas de Río Fondo, na provincia arxentina de Santiago del Estero entre o 1 e 4 de outubro próximos. Esta resolución foi aprobada pola Comisión de Turismo iniciativa dos deputados Oliva, Juárez (M. H.) e Herrera (J. A.) e das deputadas Abdala de Matarazzo, Navarro, Pastoriza e Ruiz. Despois da súa aprobación, esta resolución foi comunicada á presidenta da Nación, Cristina Fernández de Kirchner.
Para chegar a esta declaración, a Cámara dos Deputados Arxentina tivo en conta a importancia e transcendencia internacional que representa este evento para a provincia de Santiago del Estero, e que se realizará por primeira vez no país. Termatalia Arxentina reunirá a empresarios, investidores, operadores turísticos, xornalistas especializados e científicos, contando coa participación de máis de 200 expositores de 28 países.
A Cámara de Deputados valorou que Termatalia contribuíu internacionalmente a apoiar o enorme potencial turístico de Termas de Río Fondo, non só a nivel nacional senón internacional sobre todo despois das obras de envergadura realizadas polo Goberno da Provincia de Santiago del Estero como é o caso do autódromo provincial (sede de Termatalia Arxentina), o Museo do Automóbil, ou o Aeroporto Internacional.
Esta declaración de Interese da Cámara de Deputados vén sumarse á de “Evento de Interese Turístico” outorgada polo Ministerio de Turismo de Arxentina. Entre as características que levaron a que a feira sexa recoñecida de interese turístico, o Ministerio destacou ademais o feito de que o turismo de benestar sexa un segmento relativamente novo dentro da industria de viaxes e o turismo global e no que Arxentina pode destacar polo seu enorme potencial, ao contar con augas mineromedicinais en case todas as súas provincias. Ademais, concedéuselle a Termatalia a licenza para utilizar a súa “Marca País”. Por parte do Goberno Español, a feira conta co “Selo de Internacionalidade” que outorga o Ministerio de Economía e Competitividade.
Intensa promoción internacional
Entre os méritos que recoñeceu a Cámara de Deputados da Nación Arxentina para declarala de Interese Parlamentario destaca tamén a intensa campaña de promoción que realizou Termatalia en máis de 20 países que foi presentada desde nas propia Termas de Río Fondo até en Xapón.
Despois da firma do convenio interinstitucional que materializaba a organización de Termatalia en Arxentina o pasado mes de novembro, a feira realizou unha intensa campaña de promoción que permitiu que a Arxentina en xeral e Termas de Río Fondo en particular se desen a coñecer como destino turístico-termal de calidade en máis de 25 países. No caso de Europa, a feira foi presentada nos principais foros mundiais do sector como é o caso de FITUR en Madrid, Thermalies en París, a ITB de Berlín, a BTL de Lisboa, na Comisión Europea en Bruxelas, no Café de Europa organizado pola European HistoriacThermal Towns Association (E.H.T.T.A.) celebrado en Baden Baden e no 19º Congreso da Asociación Europea de Balnearios celebrado en Dinamarca e que congregou aos líderes sectoriais de 20 países.
Dentro da promoción en América Latina, Termatalia promocionouse, ademais de en Arxentina, en Chile, Ecuador, Colombia (onde participou no 1º Simposio sobre Turismo de Saúde e Benestar), en Costa Rica (1º Encontro de Cooperación Empresarial e Institucional sobre Turismo de Saúde, en México (Foro da Organización Mundial do Turismo, o Congreso Latinoamericano de Spa e Expo Spa no Estado de México, promoción no de Morelos e participación no 1º Simposio de Termalismo de Cohauila), e en Brasil (Congreso da ABINAM).
Ademais, a través da súa ampla rede de delegacións internacionais, con presenza en 18 países e dos membros do comité asesor, Termatalia promocionouse noutras citas importantes do sector como a BTM de Brasil, o Congreso da Sociedade Internacional de Hidrología Médica celebrado en Xapón ou no Congreso Internacional da Sociedade Portuguesa de Hidrología Médica.











