A aula CeMit de Brión incorpora a certificación CODIX e seis novos cursos formativos
A Aula CeMit de Brión comeza este novo curso ampliando a súa oferta de servizos e actividades formativas. A máis destacada é a incorporación da nova certificación a nivel autonómico CODIX (Certificación galega de competencias dixitais en ofimática). “Trátase dun mecanismo normalizado de certificación regulado dende a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, baseado tanto na formación como no proceso de certificación destas competencias, que está amparado pola lexislación vixente europea, estatal e autonómica e que é recoñecido e valorado tanto no ámbito público como no privado”, explica Antonio Casal, responsable da aula CeMit de Brión.
Por medio desta certificación, a persoa titular pode acreditar as súas competencias en tecnoloxías da información e as comunicacións en materia de ofimática ante as instancias públicas ou privadas. Agora que o responsable da aula CeMit de Brión superou as probas para a obtención do CODIX, nos próximos meses todos os interesados poderán optar a esta credencial na aula do concello. Este novo servizo complementa ao xa existente ECDL, unha certificación a nivel europeo da que Brión é dos poucos lugares onde un pode examinarse en Galicia.
Novas actividades de dinamización 2014
Así mesmo, a aula CeMit de Brión desenvolverá 3 cursos abertos a todos os cidadáns, con contidos medio-avanzados, así como unha xornada de Innovación Social dirixida exclusivamente a dinamizadores e axentes da rede CeMIT. Entre os cursos previstos figuran os cursos: “Configuración de dispositivos e programación de aplicacións móbiles. Apps e dispositivos móbiles: aplicacións móbiles para facer a túa vida máis fácil”; “Programación de móbiles Android”; e “Redes Sociais”. O Concello de Brión ofrecerá dúas quendas para cada curso, de mañá (10 a 14 horas) ou tarde (16 a 20 horas).
Para a realización de cada actividade será necesario reunir un mínimo de 5 persoas. Máis información e inscricións na propia aula CeMit de Brión (981 887 006).











