A Asociación de Amigos da Vía Prata cumpre coa tradición de peregrinar aos Milagres
Os Amigos da Vía Prata realizarán unha vez máis a peregrinación aos Milagres para honrar a esta Virxe e participar nas celebracións relixiosas que teñen lugar estes días no Santuario de Maceda. Para iso, o vindeiro sábado, 6 de setembro, sairán ás 5:45 da mañá da Alameda (á beira de Correos) e realizarán unha parada no pobo de Salgueiros onde compartirán un almorzo campestre.
A Asociación ten previsto que a chegada ao Santuario sexa ás 12 da mañá para participar na misa e, a continuación, celebrar unha comida de confraternización. Ao terminar regresarán a Ourense en autobús e en coches particulares. Con esta cita a Asociación quere renovar o calendario de andainas, interrompido polo descanso estival, e que continuará no último trimestre do ano completando as etapas do Camiño de Inverno (que percorre a Ribeira Sacra e a comarca de Valdeorras). Os peregrinos que forman parte desta entidade realizarán tamén a etapa entre Santiago e Fisterra este próximo outono.
A Asociación de Amigos da Vía Prata – Camiño Mozárabe quere facer extensiva esta programación de andainas a todo aquel que queira participar nelas. Para iso non teñen máis que contactar co teléfono da CEO (988 391 110) ou con algún membro da xunta directiva desta asociación. Nada na década dos anos 90, a Asociación de Amigos da Vía Prata ten como obxectivo fundamental manter en boas condicións o tramo deste camiño ao seu paso pola provincia de Ourense, coidándoo e sinalizándoo debidamente.
O tesón dun grupo de amigos que se envorcou en dar a coñecer un trazado case esquecido, foi o punto de partida desta asociación que ademais fomenta, promociona e defende a peregrinación Xacobea tradicional en todas as súas dimensións, así como a axuda e protección ao peregrino e a defensa do patrimonio cultural Xacobeo.











