A Asociación Arraigo recibe o Premio Solidario Cidade de Ferrol polo seu programa “Punto de Encontro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Entrega do premio

Entrega do premio

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu esta mañá o acto institucional de entrega do VII Premio Solidario Cidade de Ferrol á entidade Arraigo nunha cerimonia que tamén serviu para celebrar o Día Internacional da Solidariedade. O acto, que tivo lugar no Salón de Recepcións do Pazo Municipal, contou coa presenza de representantes das catorce entidades sociais que presentaron proxectos a esta nova edición do Premio Solidario Cidade de Ferrol. A concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, e representantes dos grupos municipais do Concello tamén asistiron á entrega deste galardón solidario.

Na súa intervención, o primeiro edil da cidade reivindicou unha “menor burocracia” e “un cambio das normativas” co obxectivo de axilizar as axudas públicas destinadas ás entidades que traballan no ámbito social. Neste sentido, Jose Manuel Rey Varela quixo agradecer “o traballo e profesionalidade” dos técnicos e funcionarios municipais que traballan na área de Benestar e Servizos Sociais do Concello de Ferrol. No que atinxe ao acto de entrega do Premio Solidario, o rexedor dixo que o mesmo debe servir de chamamento ao conxunto da sociedade ferrolá sobre a importancia que ten a solidariedade, “aínda máis nos momentos tan complicados que vivimos”, apuntou. Ao respecto, Jose Manuel Rey destacou o compromiso do Goberno Municipal en “blindar ao gasto social”, indicando que “estamos dedicando máis recursos que nunca a políticas sociais e de Benestar, así como a convenios coas entidades sociais que traballan a diario na nosa cidade”.

Convenio con Arraigo

O alcalde lembrou que Arraigo -a entidade gañadora do VII Premio Solidario Cidade de Ferrol- naceu fai escasamente dous anos co obxectivo fundamental de prestar axuda a persoas en risco de exclusión social. Actualmente, Arraigo está a desenvolver os proxectos “Merenda solidaria”, “Un café na rúa” e a proposta gañadora do certame, “Punto de Encontro”.

Jose Manuel Rey resaltou a intensa actividade social que realiza Arraigo, co único respaldo financeiro dos seus socios e das doazóns económica so que valorou especialmente xa que “é unha mostra palpable de solidariedade”. E, ao fío disto, o rexedor ferrolán anunciou que o vindeiro ano o Executivo local, a través da Concellería de Benestar Social, asinará o primeiro convenio nominativo coa entidade. “Queremos sumarnos ao proxecto solidario de Arraigo e así contribuír coa solidariedade de todos os ferroláns a afianzar as súas actividades”.

70 usuarios de Ferrol e comarca

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Rosa Martínez Beceiro, agradeceu ás entidades a súa participación nesta sétima edición do Premio Solidario Cidade de Ferrol, destacando “que cada ano temos maior dificultade para decidir o gañador debido á calidade e innovación dos proxectos”. En canto ao proxecto gañador, a edil explicou que pretende proporcionar ás persoas sen teito un lugar de reunión nos “tempos mortos” entre o almorzo, o xantar e a cea; fomentar as relacións interpersoais dos usuarios -facendo fincapé na cooperación, solidariedade e axuda mutua-; dar resposta aos ocos baleiros que quedan entre os servizos proporcionados por outras entidades de Ferrol; promover e fomentar a autoxestión e a autoestima dos usuarios, mediante a posta en marcha de diferentes talleres que organizarán eles mesmos. A entidade Arraigo atende hoxe en día a ao redor de 70 persoas de Ferrol e comarca

O Premio Solidario Cidade de Ferrol está dotado con 5.000 euros e inclúe o compromiso de promoción e divulgación do proxecto gañador. En anos anteriores, esta distinción recaía en ASCM (2013), ASPANEPS (2012), ALCER (2011), AFAES (2010), Lazos – Pro Solidariedade (2009) e a Asociación Teima Síndrome de Down (2008).

 

12 de setembro de 2014 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.