A asociación ACADAR de mulleres con discapacidade imparte un seminario en Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) entidade que forma parte de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) inicia en Ferrol, nas instalacións de COGAMI (rúa Sánchez Calviño, nº 56-58) un seminario sobre o empoderamento da muller con discapacidade.

Este seminario, que está enmarcado dentro do Programa Recursos Integrais de apoio a mulleres con discapacidade, financiado pola Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo, vaise impartir durante os días 11, 18 e 25 de setembro e os días 2, 9, 16 e 23 de outubro, en horario de 10:00 a 13:30 horas.

Cada sesión, que contará coa asistencia dun grupo formado por 12 mulleres e conducido pola Psicopedagoga, María Rial, tratará aspectos como a saúde da muller, a identidade da muller con discapacidade, a participación social como espazo de desenvolvemento, o empoderamento, os dereitos das mulleres con discapacidade, a dependencia e a intelixencia emocional, ademais de ofrecer ferramentas e técnicas para previr a violencia.

Con este grupo de Ferrol, xa son 60 as mulleres galegas con discapacidade que participan nestes seminarios de empoderamento que imparte a longo deste ano ACADAR.

10 de setembro de 2014 | 12:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.