A asemblea de movementos sociais de Vigo acampa a súa protesta ante a Xunta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

Integrantes da asemblea de movementos sociais (unha coordinadora de colectivos cidadáns que agrupa a membros de grupos como Imán, Rede Solidaria Popular, Abusos bancarios de Vigo, sindicato alternativo CXT, etc) iniciaron unha acampada de duración indefinida nas proximidades da Xunta para dar visibilidade á problemática social de Vigo. No momento no que a cidade se aglomeraba na zona para despedir aos cruceiros de luxo o pasado sábado, o grupo instalaba de día ante a sorpresa dos turistas e viandantes neste campamento, que en dous días dobrou a súa extensión. Hoxe, a autoridade portuaria observou con preocupación como aumentou o número de tendas instaladas na zona, que pasou de catro, a oito polo momento.

A iniciativa conta coa simpatía de varios veciños e os organizadores aseguran que non van traer ningunha molestia aos locais ou vivendas contiguas, xa que serán respectuosos en todo momento mantendo limpo e tranquilo o perímetro acoutado e así o transmitiron aos hostaleiros da zona, aos que explicaron que quedarán todo o tempo que faga falta. Membros da policía local e portuaria vixían de preto a evolución desta situación e xa identificaron aos organizadores. A intención é recibir a entrevista con algún cargo da Xunta que poida dar alternativa a estas familias, que por exemplo no caso de Miguel Cabaco verá descendida a súa RISGA a menos de 300 euros mensuais a partir de outubro, facéndolle imposible manter aos seu tres fillos, levando máis de tres anos nunha lista de espera para operarse de urxencia para recibir un bypass gástrico o cal reduce enormemente a súa mobilidade e calidade de vida. Paqui, outra das afectadas, tras 11 meses de espera cobra unha RISGA de 36 euros mensuais, xa que lle computan como unidade familiar a unha persoa que xa non vive na casa a pesar que informou deste feito en repetidas ocasións.

Agora mesmo a resolución destas axudas corresponde á Xunta de Galicia. Os afectados pretenden que se lles escoite na administración (“só temos que dar uns pasos, se nos queren recibir, pómosllo moi fácil”) e obter dunha destas reunións unha solución á súa problemática perentoria, que lles está deixando sen opcións e pola que barallan tamén unha posible folga de fame que, dado o seu estado de saúde sería unha medida extrema, produto da desesperación. Fartos de persoarse en plenos do concello e na Xunta sen atopar a persoa que se declare competente sobre os seus casos decidiron directamente instalarse na súa porta e esperar. Igualmente, o filtro inicial para estas axudas é o concello e o seu departamento de benestar.

O colapso nas axudas de emerxencia e rendas sociais é perentoria e as traballadoras (soamente 17, cando farían falta unhas 40 e así o veñen solicitando estes colectivos) ven acumularse expedientes na mesa, tramitando agora mesmo os de febreiro mentres estas familias ven, polo atraso burocrático, que non se lles dá alternativa nin solución e pódense ver na rúa inmediatamente. O grupo séntese indignado co despregamento dedicado a turistas e o malgasto do orzamento local e non comprende o gasto en escaleiras mecánicas, bancos de deseño ou ascensores de luxo cando se lles di que non hai partidas suficientes para asegurarlles un mínimo para alimentos, e queren que se prioricen as persoas ás obras innecesarias e tamén que se saiba a realidade da cidade.

Así, acusan o alcalde de dar unha imaxe falsa da mesma, utilizando os seus recursos para convertela nun fervedoiro de turismo e silenciando a situación real, que é a destes cidadáns que non atopan sequera o modo de lograr unha entrevista con alguén con competencia para tratar os seus casos. E quixeron que os usuarios e observadores dos cruceiros de superluxo vexan a crúa realidade e os valores que se están pasando por alto para que eles gocen destas comodidades durante a súa parada en Vigo.

Neste sentido, o grupo realizou unha manifestación o pasado sábado, previa a esta acampada no momento da chegada dos cruceiros, onde os turistas observaron arrepiados como primeira imaxe da cidade un tupido cordón policial de antidisturbios preparados para cargar contra os manifestantes, que se atoparon satisfeitos con que os visitantes saiban a verdade da cidade de Vigo: 390 policías e 17 traballadoras sociais.

29 de setembro de 2014 | 12:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.