publicidade hoxe

A área de turismo de Ferrol organiza unha acción formativa sobre xeomarketing

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A Concellería de Turismo do Concello de Ferrol, que dirixe María del Carmen Garcia Fraga, sigue incidindo na formación dirixida á mellora das actividades económicas relacionadas directa o indirectamente co sector turístico. Así, o vindeiro mércores 1 de outubro desenvolverase o obradoiro titulado “Geomarketing para negocios locais”, que se impartirá no Hotel Carrís Almirante de 16.00 a 20.00 horas. Esta acción formativa, que a Concellería de Turismo oferta en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, é gratuíta e as persoas interesadas en asistir deberán inscribirse enviando o seu nome completo, lugar de residencia e ocupación ao enderezo electrónico: mlopezturismo@ferrol.es. O prazo de inscrición remate o mesmo día do taller, 1 de outubro, ás 13.00 horas.

O encargado de impartir este taller de “Geomarketing” é Gersón Beltrán, xeógrafo especializado en xeolocalización, redes sociais e turismo; e profesor na Universidade de Valencia. O curso consistirá nunha breve introdución teórica e unha parte moi práctica en que se traballará xunto aos negocios o establecemento de obxectivos e estratexias axeitadas para usar o xeomarketing como unha potente ferramenta de promoción. O profesor Beltrán explicará como o uso da xeolocalización nas redes sociais beneficia aos negocios locais, facendo fincapé tamén en Google MyBusiness e en todas as súas posibilidades.

No que atinxe ás inscricións, darase prioridade á asistencia ao curso a negocios locais e profesionais do sector turístico.

26 de setembro de 2014 | 11:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.