A área de Benestar de Ferrol programará cursos de axudante de comercio e de alfabetización dixital para perceptores da Risga
O Goberno Municipal de Ferrol, a través da Concellería de Benestar Social, ultima a nova programación de servizos e actividades dirixidos ao ámbito da inclusión social e centradas en persoas que son perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), e ao colectivo de inmigrantes. A edil responsable da área Rosa Martínez Beceiro deu conta hoxe en comisión informativa do contido que terán estes programas de inclusión social que se centrará en prestar información e asesoramento a inmigrantes que residen no municipio e na iniciativa “Camiño ao emprego” dirixida a desempregados/as e beneficiarios da RISGA en xeral.
A concelleira ferrolá explicou que, ao igual que se fixo na anterior convocatoria, ten solicitado una subvención de libre concorrencia á Xunta de Galicia por un montante de 50.900 euros para axudar a financiar estes dous programas. A Concellería de Benestar ten a intención de poñer en marcha a partir do vindeiro mes de outubro.
No que atinxe ao programa de inclusión social, Martínez Beceiro explicou que dentro de “Camiño ao emprego” se impartirá unha acción formativa sobre “Axudante de Comercio”, e que esta iniciativa contará coa colaboración de Carrafour o que “garante a realización de prácticas nun centro de traballo e aumenta as posibilidades de inserción laboral posto que esta empresa ten unha bolsa de traballo”, explicou a responsable municipal. Ademais desta actividade, realizaranse cursos de alfabetización dixital. En canto os programas dirixidos ao colectivo de inmigrantes, as acción da Concellería de Benestar centraranse nos campos da información e orientación laboral, así como no asesoramento xurídico e aspectos relacionados co arraigo. Tamén se seguirán facendo cursos de lingua galega e castelán.











