A APV planifica coa Royal Caribbean os detalles da escala do Oasis of the Seas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O Porto de Vigo prepárase para a escala máis esperada do ano, a que terá lugar o próximo 27 de setembro, momento no que o cruceiro máis grande do mundo, o Oasis of the Seas, fará a súa entrada na ría para amarrar nos peiraos olívicos durante doce horas.

Para iso, a institución que preside Ignacio López-Chaves, quere planificar até o último detalle desta escala, na que o Oasis of the Seas coincidirá con outro buque de pasaxe da súa mesma naviera (Royal Caribbean), o Celebrity Infinity. Entre os dous deixarán na nosa cidade máis de 12.000 persoas, entre pasaxe e tripulación.

Para que todo salga ao pedir de boca o 27 de setembro, a Autoridade Portuaria de Vigo está en permanente contacto co consignatario do buque, con quen mantén reunións periódicas para atender calquera petición e suxestión pola súa banda.

Así mesmo, o propio Presidente portuario reuniuse onte con responsables de Royal Caribbean, aproveitando a súa participación na Seatrade Med de Barcelona, o maior encontro do sector de cruceiros do Mediterráneo.

Durante o seu encontro con Adam Sharp, máximo responsable de Operacións Portuarias e Servizos ao Buque de Royal Caribbean en Reino Unido, Europa e Oriente Medio, e Jordi Guillén, de Intercruises, López-Chaves mostrou a súa satisfacción pola elección de Vigo como porto de escala do cruceiro máis grande do mundo e subliñou as súas excelentes condicións de operatividade e seguridade. Así mesmo, mostrou as vantaxes da infraestrutura portuaria viguesa que, actualmente, dispón de máis de 1 quilómetro de liña de atracada distribuída en dous espazos diferenciados en pleno centro da cidade, o Peirao de Transatlánticos e o Peirao de Comercio, habilitados para a escala de cruceiros. Estas zonas, ampliadas grazas aos coñecidos como Duques de Alba, permiten a estancia simultánea de ata catro buques en pleno centro da cidade.

Diversas actuacións

A relevancia desta escala desde un punto de vista económico e de imaxe para a cidade fixo que a Autoridade Portuaria de Vigo traballe intensamente para recibir ao Oasis of the Seas que, tras o seu paso polos peiraos olívicos o próximo 27 de setembro, volverá facer escala na nosa cidade o 18 de outubro, froito da estreita relación que a institución que preside López-Chaves mantén desde hai anos coa armadora Royal Caribbean, un dos principais clientes do Porto de Vigo.

Por iso, nos días previos a esta dobre escala histórica para os peiraos olívicos, o Porto vigués apura a posta a punto das súas instalacións para que a chegada destes dous xigantes do mar sexa perfecta. Para iso, dotou á Estación Marítima dunha nova rampla de acceso para persoas con mobilidade reducida co obxectivo de facilitar os seus desprazamentos na contorna do Peirao de Transatlánticos. Así mesmo, están a levarse a cabo diversas actuacións de mantemento e mellora da Terminal, é dicir, renovación do pavimento na zona do peirao, lixado e pintado de enreixados e barrotes, limpeza de verdes na zona do peirao, pintado dun paso de peóns no lado terra, reparación de firme…

Do mesmo xeito, e dada a afluencia de turistas ese día, incrementáronse os equipos de seguridade en ambos os peiraos (Transatlánticos e Comercio) co fin de axilizar a operativa de embarque e desembarque de pasaxeiros e tripulación. Por este motivo, o próximo día 27, dobraranse os equipos. A isto hai que sumar a intensa colaboración da Subdelegación do Goberno, con quen se mantén un contacto directo e permanente nas últimas semanas e que incrementará a vixilancia na zona. Haberá, por tanto, un maior despregamento policial.

Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra xa dispuxo un punto de información turístico fixo na zona e manterao até o 18 de outubro, que é cando terá lugar a segunda escala do Oasis of the Seas. Ademais, a institución provincial ofrecerá aos cruceristas unha actuación a media mañá de baile e música tradicional e outra pola tarde. E farao en ambas as escalas.

18 de setembro de 2014 | 11:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.