A alianza comercial entre Galicia e México recala en Tui nun encontro con empresarios de Celaya

Recepción á delegación de empresarios
O director xeral do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe a crecente alianza económica e comercial entre Galicia e México, durante a súa intervención na recepción ofrecida na Cámara de Comercio de Tui a unha delegación de empresarios de Celaya, encabezada polo alcalde da cidade mexicana, Ismael Pérez.
Javier Aguilera salientou que México é un dos mercados prioritarios para as empresas galegas que apostan por saír ao exterior, e resaltou que na actualidade hai 50 empresas galegas cooperando para completar a súa primeira implantación comercial nese país, contando co apoio do Programa Primex impulsado pola Consellería de Economía e Industria. As empresas que están a apostar por implantarse en México pertencen a sectores tan variados como a alimentación, a construción, a consultoría e enxeñaría, a automoción ou o granito.
Segundo o director do Igape, o potencial económico de México, os estreitos lazos culturais existentes, os investimentos cruzados e os servizos en destino que achegan a oficina da rede Pexga ou a asociación de empresarios de orixe galega nese país (Umegal) están a consolidar o progresivo incremento das relacións comerciais entre Galicia e México, mercado onde o ano pasado exportaron máis de 400 empresas galegas. As exportacións galegas a México roldaron os 222 millóns de euros en 2013, case un 40% máis ca no ano anterior.
Javier Aguilera sinalou que, ademais do potencial propio do seu mercado interno, México constitúe un enclave estratéxico para as empresas galegas con aspiracións de entrar no mercado estadounidense. De xeito parello, o director do Igape destacou a localización estratéxica e o potencial de Galicia para acoller investimentos estranxeiros e servir como porta de entrada cara o mercado da Unión Europea.
A delegación empresarial procedente de Celaya está integrada por unha ducia de empresarios de sectores como a construción, a hostalaría, a agroindustria, a fabricación de maquinaria ou a reciclaxe de plásticos, entre outros. Os empresarios mexicanos xa mantiveron encontros con empresas galegas na patronal do metal (Asime) e no Círculo de Empresarios de Galicia (CFV).











