A adega Señorío de Rubiós recibe catro Premios Deliciosos na LV Festa do Viño do Condado

Bravo Bosh na visita aos viñedos
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, visitou esta mañá os viñedos da adega Señorío de Rubiós, pertencente á Denominación de Orixe Rías Baixas e que ven de resultar premiada na LV Festa do Viño do Condado celebrada en Salvaterra do Miño o pasado 31 de agosto.
Acompañada polo representante da empresa, Antonio Méndez Rodríguez, e polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e Mar, Miguel Pérez Dubois, a delegada da Xunta percorreu os viñedos da adega e aproveitou a ocasión para felicitar aos seus responsables e traballadores polas recentes distincións adquiridas. “É un dos mellores caldos da nosa zona e así queda recoñecido ano tras ano”, sinalou Bravo Bosch.
Na última edición da Festa do Viño do Condado, Señorío de Rubiós obtivo catro dos sete Premios Deliciosos que se outorgaron tras unha cata na que participaron un total de 22 adegas. Ademais, nas Distincións Gallaecia 2014 que outorga a Asociación de Sumilleres de Galicia foron premiados tres dos seus viños: Señorío de Rubiós Albariño 2013, Señorío de Rubiós Condado do Tea 2013 e Señorío de Rubiós Condado do Tea Barrica 2010. Tamén, recibiu premios nas Catas de Viño de Galicia nos anos 2013, 2011 e 2010 por ser o mellor viño branco de Galicia – Acio de Ouro DO Rías Baixas. Por último, no concurso International Wine and Spirit Competition, o espumoso Señorío de Rubiós Condado Blanco Brut Nature logrou a medalla ‘Gold Outstanding’, o que supón un ouro con sobresaínte.
A adega Señorío de Rubiós xestiona 7.5 hectáreas de viñedo en Salvaterra de Miño, entre viñedo propio e prantacións alugadas. Doutra banda, entre socios e viticultores externos chega a adquirir uva de aproximadamente 20 hectáreas dos concellos de Salvaterra e Salceda de Caselas.
Dende os seus comezos, no ano 2005, a adega recibiu da Xunta de Galicia preto de 500.000 euros a través de distintas axudas de industrialización, comercialización e asistencia a feiras sendo a máis importante a outorgada para a instalación da empresa na zona do Condado.











