A actividade “Os sons do Universo” combinará observación astrónomica e música en Ourense
A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense organizará este sábado, 27 de setembro, a actividade “Os sons do Universo”. Todalas persoas que o desexen poderán participar nunha sesión de observación astronómica, multimedia e música, que terá lugar ás 21:00 horas na Praza de San Martiño. A observación está coordinada por “El mirón del cielo”, e o concerto será da Unión Musical de Allariz.
A través de varios telescopios situados nas escalinatas da catedral, as persoas participantes poderán ollar a Lúa, Saturno e Marte, e desfrutar coa música da Unión Musical de Allariz, que interpretará un programa que versará sobre o ceo e temática espacial, baseado principalmente en bandas sonoras de películas. Esta agrupación está composta por 45 membros, na súa maioría por mozos e mozas, e se caracteriza polo dinámico do seu repertorio, con temas como “Consuelo Ciscar”, “A Bela e a Besta”, “Aladín”, “My Way”, “Mood romantic”, e outros temas de Tina Turner ou Santana.
Con esta actividade, a Concellería de Xuventude dá continuidade ás que ven realizando dende o ano pasado cun gran éxito de público, relacionadas co mundo da Astronomía lúdica e didáctica: observacións por diferentes barrios da nosa cidade, curso de astrofotografía, chuvia de estrelas…….. Nesta ocasión, propón unha xornada de observacións e música coa finalidade de ofertar unha forma novidosa e máis atractiva para o público.
As persoas interesadas en obter máis información poden acudir á Concellería de Xuventude, na Praza San Martiño nº 2 baixo – dereita 988 38 81 54. e-mail xuventude@ourense.es











