A 6ª marcha en BTT polas Cabeceiras do Anllóns congregará a máis de 250 ciclistas
O club ciclista Laracha en dúas rodas, coa colaboración do Concello da Laracha e a Deputación Provincial da Coruña, organiza a sexta edición da súa marcha en BTT polas cabeceiras do Anllóns, que xa está consolidada como un dos eventos de referencia na comarca de Bergantiños.
A xornada terá lugar este domingo día 21 de setembro, contándose actualmente con máis de duascentas cincuenta persoas inscritas entre as non federadas e as que participarán representando a clubs de diversos municipios da provincia da Coruña.
A 6ª marcha cicloturista en BTT polas cabeceiras do Anllóns terá por punto de saída a Praza do Concello da Laracha. O percorrido ten unha lonxitude total de 49 quilómetros e un desnivel acumulado de 1.100 metros, sendo considerado de dificultade media. Discorrerá por territorio das parroquias de Torás, Coiro, Erboedo, Soandres e Soutullo.
O río Anllóns terá unha notable presenza no percorrido. Os ciclistas rodarán pola zona do paseo fluvial e tamén bordearán o río desde Gabenlle ata a zona de Os Muíños de Coiro, un tramo dunha distancia duns seis quilómetros no que o Concello actuou nos últimos días para eliminar a maleza e acometer a limpeza de restos vexetais (polas, troncos, etc.) co obxectivo de acondicionalo para recibir aos participantes en óptimas condicións.
A ruta estará perfectamente sinalizada sobre o terreo para que cada ciclista poida realizala ao ritmo que desexe. O punto de avituallamento situarase na metade do percorrido, concretamente no lugar de Campo Medado (parroquia de Soandres). Ao longo da xornada máis de corenta voluntarios, todos eles membros do club Laracha en dúas rodas, prestarán colaboración e apoio aos participantes, velando polo que o evento alcance o éxito organizativo de anteriores edicións.
O Concello da Laracha, ademais de prestar a correspondente colaboración no desenvolvemento da ruta, porá a disposición da organización as instalacións do pavillón do IES Agra de Leborís para que os asistentes poidan ducharse e asearse trala finalización da marcha.











