publicidade hoxe

421 alumnos inician o curso en Ponte Caldelas tras o remate do acondicionamento dos recintos escolares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

Un total de 421 alumnos de infantil e primaria (un 8,2% máis que no exercicio pasado) comezan mañá o novo curso en Ponte Caldelas nunhas instalacións que foron revisadas, e reparadas nalgún caso, polo Concello durante o pasado verán para favorecer que a comunidade escolar poida desempeñar correctamente as súas funcións. Entre os traballos realizados destaca a substitución dunha escaleira de acceso lateral do CEIP Manuel Cordo Boullosa por unha pasarela máis ampla e con varanda que facilita a propia accesibilidade ao centro educativo para persoas con dificultades de mobilidade á vez que reforza a seguridade dos alumnos ao evitar caídas perigosas.

Este ano, o alumnado en Ponte Caldelas aumenta un 8,2% con respecto ao ano anterior co que non só se consolida a comunidade educativa no municipio senón que crece lixeiramente. Así, o CEIP da Reigosa que xa superou o pasado ano o centenar de alumnos, ve incrementada a súa matrícula nun 8% pasando a ser o seu censo escolar de 109 nenos e nenas.

Por outra banda, sinalar que os 109 nenos e nenas que acoden ao CEIP da Reigosa (oito alumnos máis que o pasado ano) atoparanse coa novidade de ver como se repararon diferentes mobles e danos que se observaron en distintas dependencias do centro educativo. Así mesmo por parte da Fundación Juan XXIII procedeuse ao mantemento da zona verde do recinto escolar conforme ao contrato que ten co Concello.

Polo que respecta aos 282 alumnos do CEIP Cordo Boullosa verán, como novidade, ademais da amplitude das súas aulas acometidas o pasado verán, a instalación da rampla no seu acceso lateral así como diversas obras de reparación e posta a punto para o inicio do curso escolar.

O CORDO BOULLOSA, GOZA POR TERCEIRO ANO CONSECUTIVO DE COMEDOR ESCOLAR QUE A PARTIR DESTE ANO XESTIONA A XUNTA

Ademais hai que sinalar que o CEIP Cordo Boullosa dispón, por terceiro ano consecutivo, de comedor escolar tras afrontar o Concello de Ponte Caldelas, en colaboración coa Consellería de Educación, as obras do comedor e zona multiusos nunha zona de baixos do centro, reconvertendo un patio cuberto existente en lugar idóneo para poder albergar esta construción.

Tamén o comedor escolar era unha demanda de pais e profesores do centro que, despois dun esforzo investidor do Concello de Ponte Caldelas e a Xunta, puido entrar en funcionamento e que agora, neste que comeza, alcanza o seu pleno rendemento e operatividade para dar servizo aos nenos e nenas que así o demanden.

A novidade é que este ano o comedor pasa a ser xestionado pola Xunta, cun total de 25 comensais, o que garante que o prezo por alumno adáptese ás circunstancias socioeconómicas das familias usuarias deste servizo.

9 de setembro de 2014 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.