42 alumnos de FP Dual comezan a súa formación práctica en hoteis de España e Alemaña
42 alumnos dos ciclos superiores de FP Dual postos en marcha pola Deputación, a Consellería de Educación e o Grupo Arlea Hotels (Hotusa) comezan a súa formación práctica en 18 hoteis da cadea Eurostars en España e Alemaña.
Trátase de 15 estudantes de Dirección de Cociña, 15 de Xestión de Aloxamentos Turísticos e 12 de Dirección de Servizos de Restauración.
Todos eles foron recibidos hoxe no salón de plenos do Pazo provincial, onde o presidente da Deputación, Rafael Louzán, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, Manuel Corredoira López, o directivo de Hotusa, José María Barrán Puig, e o director do CIFP Carlos Oroza, Manuel Hermo, tras desexarlles o maior dos éxitos, agora e no futuro, lles entregaron a documentación necesaria para o inicio desta nova etapa.
Dos 42 estudantes que agora inician a súa formación, 11 farano en Múnic -7 no hotel Eurostars Grand Central e 4 no Eurostars Book Hotel-; 15 en Barcelona -8 no Grand Marina, 2 no Cristal Palace, 1 no Monumental, 1 no Eurostars Angli, 1 no BCN Desing, 1 no EXE Laietana Palace e outro no Eurostars Ramblas-; 3 no Eurostars Palace de Córdoba; 6 no hotel Reconquista de Oviedo; e 7 alumnos en establecementos de Galicia.
Estarán 3 no Hotel San Lázaro de Santiago de Compostela; 1 no Monte do Gozo, tamén en Santiago; 1 no Mar de Vigo; e 2 no Ciudad de La Coruña.
Todos eles recibiron hoxe os datos do centro no que van realizar as prácticas; o contacto das persoas que exercerán de titores no seu destino; as tarxetas de embarque para os que se dirixen a Barcelona, Múnic, Madrid e Córdoba; e os billetes de autobús para os que viaxan a Oviedo.
Nove meses de formación práctica
A formación práctica que agora inician en hoteis de Hotusa vai ter unha duración de 9 meses, cunha xornada de 30 horas semanais nas que combinarán formación e traballo.
O ciclo complétase con 2 meses de formación presencial no CIFP Carlos Oroza e 6 meses de formación a distancia, con 15 horas de dedicación semanal ó curso. En total, dous anos de formación durante os cales os mozos que participan nestes cursos non só obteñen formación teórica e práctica nun contorno real de traballo senón que perciben unha remuneración de 500 euros mensuais.
Futuro de éxito
Tanto o presidente da Deputación coma os responsables da Consellería de Educación, do Grupo Hotusa e do Carlos Oroza incidiron no acerto desta modalidade de formación, que representa “un contacto directo co día a día” das profesións para as que se están a formar, algo que, segundo recalcou o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, non van poder ter en ningún outro tipo de formación.
Nesta liña, Rafael Louzán incidiu no bo funcionamento da fórmula da cooperación público-privada neste campo, que vai permitir que os mozos matriculados nestes ciclos de FP Dual teñan ante si a perspectiva de ser os futuros traballadores dos centros nos que hoxe comezan a formase, algo no que coincidiu o directivo de Hotusa, José María Barral.
Barral subliñou a aposta de Hotusa por “ter galegos na casa” e destacou que en Galicia “somos xente traballadora, gústanos o servizo e a calidade”, polo que lles augurou un gran futuro ós novos alumnos co desexo de que “dentro de dous anos formedes parte deste grupo”.
Esa é, precisamente, a esperanza que albergan boa parte dos alumnos destes ciclos, coma Laura Cotón, marinense matriculada no Ciclo Superior en Dirección de Servizos de Restauración e que se formará no Hotel Grand Central de Múnic, que considera que esta pode ser unha boa oportunidade para “entrar a formar parte da empresa, de forma que cada un nos quedemos nun hotel en Alemaña ou en calquera lugar de Europa”.
Para ela, coma para moitos compañeiros, é un grande aliciente poder formarse tendo todos os gastos de aloxamento e mantenza pagados, así como unha bolsa de 500 euros mensuais.