Xuventude de Ourense organiza unha fin de semana de aventura no Xurés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseXuventude
A-
A+

A Concellería de Xuventude do Concello de Ourense organiza a actividade “Fin de semana de aventura: O Xurés desde outra mirada”. Vintetrés mozos e mozas da cidade desfrutarán dunha estadía de dúas xornadas no Xurés, mañá, sábado, 30 de agosto, e pasado mañá, domingo, 31, na que descubrirán o corazón do Xurés e participarán en actividades como ruta en kayak, vela, sendeirismo, baño en termas ou visita ao campamento romano, con aloxamento no complexo turístico O Corgo.

Os mozos e as mozas, maiores de 18 anos, sairán o sábado en autobús, ás 8:45 horas, dende o Parque de San Lázaro e desfrutarán dunha estadía de 2 días e unha noite para desfrutar da riqueza da flora, fauna e paisaxística do Parque Natural.

Durante a fin de semana, descubrirán o Xurés, achegaranse ao corazón da reserva onde o paso está restrinxido para coñecer de primeira man cales son os tesouros que garda o parque natural, e a versión máis lúdica da zona. As persoas participantes practicarán vela e kayak, bañaranse nas Termas de Río Caldo, realizarán avistamento e rastrexo de fauna salvaxe, técnicas de orientación e GPS na natureza, roteiro interpretativo ambiental pola montaña e visita ao campamento romano Aquis Querquenis.

Programa “Embárcate” de actividades para a mocidade

Esta actividade forma parte do programa “Embárcate”, que organiza a Concellería de Xuventude durante os meses de xullo, agosto e setembro, co obxectivo de proporcionar alternativas para o tempo de lecer da mocidade ourensá que permanece na cidade durante os meses de verán e, por outra parte, fomentar valores coma o deporte, o coñecemento da natureza e a convivencia.

O programa incluiu actividades como un curso de iniciación ao piragüismo, un curso de iniciación ás actividades náuticas (kayak, vela e paddle surf), ioga, relaxación e meditación.

Tamén se desenvolveron as actividades “Sábados de aventura”: descenso de canóns (barranquismo) e rafting no río Miño por augas bravas en balsa inchable, e os campamentos de deporte e tempo de lecer que tiveron lugar en Santa Cruz de Arrabaldo durante o mes de xullo.

A oferta de actividades continuará en setembro, con dúas novas propostas. O sábado, día 6 de setembro terá lugar “A Busca do Tesouro de Aureana”.

Baixo o xeito dunha partida de Rol/Quest, realizarase unha busca por equipos do tesouro de Aureana a través de diversas localizacións da cidade, centrándose no Casco Vello e edificios máis emblemáticos. Os equipos terán que recoller pistas, realizar probas e descifrar adiviñas para avanzar na trama, alzarse coa vitoria e co anhelado tesouro.

O sábado, 13 de setembro, será o I Open Rallye Slot Cidade de Ourense, sobre superficie de asfalto en 6 tramos, no Pavillón do IES Julio Prieto Nespereira.

29 de agosto de 2014 | 12:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.