XIV Open de Tenis en cadeira “Cidade de Ferrol”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesFerrol
A-
A+

A concelleira de Deportes, Susana Martínez Galdós, presentou esta mañá o XIV Open de Tenis en cadeira “Cidade de Ferrol” que se celebrará entre os días 29 e 31 de agosto. O evento, organizado pola Agrupación Deportiva Minusválidos de Ferrol, conta co patrocinio do Concello de Ferrol. A edil ferrolá estivo acompañada polo representante da entidade deportiva e xogador local, Álvaro Illobre.

Martínez Galdós destacou a consolidación deste torneo “un dos decanos do circuíto nacional, sendo o máis importante Open desta modalidade deportiva da Comunidade Galega pola súa alta participación”. Esta décimo cuarta edición será disputada tanto en modalidade individual como dobres e contará con xogadores de León, Aragón, Madrid, País Vasco, Galicia e Portugal. A competición contará con seis deportistas galegos, sendo un deles menor de 17 anos e subcampión do Mundo en Holanda. A edil ferrolá explicou que como novidade desta edición e de maneira paralela, se disputará un torneo exhibición de Padel que terá lugar o sábado e o domingo.

Pola súa banda, o representante da entidade organizadora e xogador local, Álvaro Illobre agradeceu a colaboración do Concello de Ferrol “sen ela non poderíamos desenvolver probas como esta”. Os partidos do XIV Open de Tenis en cadeira “Cidade de Ferrol” disputaranse nas instalacións do Club de Campo en horario de mañá e tarde. Así, o venres día 29, terán lugar os oitavos de finais e cuartos de dobres en horario matinal, e xa pola tarde serán os cuartos de individuais. O sábado 30 disputaranse os partidos de consolidación a partir das 10:00 horas e as semifinais de dobres; e a partir das 17:00 horas desenvolveranse as semifinais individuais e, a continuación, a final de dobres. As finais individuais de consolidación terán lugar o domingo ás 11:00 horas e a final individual será ás 11:30 horas.

Premios e seguimento na web

Respecto aos premios e trofeos, repartiranse 700 euros en metálico e entregaranse trofeos aos gañadores e subcampións de todas as categorías. A información cos resultados dos partidos e o orde de xogo será actualizada no blog do torneo: openferrol14.blogspot.com.

27 de agosto de 2014 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.