Waczynski, Kleber e Pavel acadan a vitoria coas súas respectivas seleccións
Os tres xogadores do Rio Natura Monbus, Waczynski, Kleber e Pavel que se atopan disputando o torneo clasificatorio para o Europeo 2015, lograron vencer coas súas respectivas seleccións na segunda xornada.
A Polonia de Adam Waczynski sumou a súa segunda vitoria no Grupo C despois de gañar con contundencia á selección de Luxemburgo por 61-113. Neste encontro, o novo beirado do conxunto obradoirista sumou 10 puntos cunha serie de 2 de 3 en triplos nun total de 14 minutos. Polonia segue liderando un grupo no que Alemaña é segunda tras gañar 64-77 como visitante a Austria.
Outro dos novos xogadores do Rio Natura Monbus, Maxi Kleber, realizou un gran partido sendo o MVP do conxunto xermano con 20 puntos, 2 tapóns e 7 rebotes, demostrando un gran acerto desde a liña de 6,75, con 4 triplos convertidos.
Na terceira xornada deste Preeuropeo, que se disputará este domingo 17 de agosto, Alemaña xogará en casa ante Luxemburgo e Polonia como visitante ante Austria. No grupo E, a República Checa de Pavel Pumprla gañou comodamente a Portugal por 89-53, nun partido moi completo do beirado obradoirista con 9 puntos, 2 asistencias, un tapón e 9 rebotes. A selección checa sitúase segunda de grupo e terá que xogar a próxima xornada ante a invicta Hungría, que gañou a Xeorxia por un axustado 74-73.











