publicidade hoxe

Vintecinco nenos de Cambados descubrirán nas ribeiras do Umia os segredos da flora e da fauna

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

A Biblioteca Viaxeira é unha actividade infantil novidosa que esta vez consiste nunha andaina ambiental dende o monte da Pastora ata a ribeira dos ríos Tombelo e Umia acompañados polo biólogo Damián Romay Cousido, do departamento de Bioloxía Animal, Bioloxía Vexetal e Ecoloxía  da Universidade da Coruña. A expedición está formada por 25 nenos da biblioteca, que era o número máximo recomendado.

Con esta visita o Concello pretende dar a coñecer e indagar aínda máis na riqueza desta zona protexida que transcorre pola beira do río e forma parte da prolongación do Complexo Intermareal Umia-O Grove, que foi declarado Refuxio de Fauna, Zona de Especial Protección para as Aves (CEE), Zona Húmida de Importancia Internacional (RAMSAR) e Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral en 1990.

A ruta prevista comeza no monte da Pastora ás 9.30 horas para pasar lista e tentar sair antes das 9.45, camiñando ao sur-surleste polos viñedos e cultivos ata o río Umia, pasando pola xunqueira do río Tombelo. Logo pola beira cara oeste ata o transformador ao pé da ponte de Castrelo sobre o Umia. Andaríase un cachiño de 100 metros da avenida de Castrelo (a comarcal) ao norte para xirar cara ó oeste pola ría de Fonte de Brúa ata chegar á Ribeira da Mouta, para controlar cos telescopios o esteiro.

A expecición seguiría logo a pista da Ribeira da Mouta ata o pé da ponte a San Sadurniño e logo xa estaría ás 13:00 horas en San Tomé, rematando no parque infantil. Segundo o guía poderanse ver doadamente unhas 40-50 especies de aves e outras tantas de plantas.       

Se sae bo día poderán avistarse entre 5 e 10 especies de bolboretas e algunhas de libélulas e réptiles, e quizais haberá rastros de entre tres e cinco especies de mamíferos. A expedición levará guías de aves e prismáticos, así como dous telescopios.

Cando se iniciou no mes de xuño a inscrición para as actividades da biblioteca, unha das máis novidosas e que esgotou enseguida a inscrición foi precisamente esta, “A biblioteca viaxeira”, a través da cal se organiza unha serie de visitas e saidas para coñecer o noso municipio, en concreto os seus espazos e personaxes máis singulares.

6 de agosto de 2014 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.