Verín será o punto de saída dos ‘1.000 Km non stop por Valeria’
O vindeiro domingo 17 de agosto, a praza do Concello de Verín acollerá a saída da iniciativa solidaria ‘1.000 Km non stop por Valeria’, realizada polo ciclista sudafricano Clinton Sumner.
Durante a mesma, organizada por Cyclo Wood e a Peña Deportivista Pablo Amo coa colaboración do Concello de Verín, este ciclista de ultra-fondo percorrerá a distancia que separa Verín de Alacante, un total de 1.000 quilómetros, que serán realizados sen descanso e sen ningún tipo de asistencia. A saída será ás 10 horas, e tras percorrer poboacións como Zamora, Salamanca, Plasencia ou Jumilla, a chegada a Alacante está prevista entre 60 e 70 horas despois. Esta iniciativa deportiva ten carácter solidario, e en concreto está destinada a axudar a Valeria de Dios, unha pequena verinense de catro anos que sufre un atraso xeneralizado do desenvolvemento, a causa de unha ataxia cerebelosa non filiada, e que necesita de custosos tratamentos de psicomotricidade, logopedia e fisioterapia.
Trátase dunha nova iniciativa solidaria na que colabora o Concello de Verín para axudar a esta nena, como a recente Andaina da Ruta dos Carros, ou as manualidades realizadas polos/as menores da Ludoteca de Verán – Campamento Urbano e que son vendidas durante as xornadas de feira co obxecto de recadar fondos para o tratamento de rehabilitación neurolóxica desta pequena verinense.
Este é o quinto desafío para Clinton Sunmer, que xa realizou outros como Alacante-Lisboa, Alacante-Tourmalet, 1002 quilómetros de Massamagrelle París-Barcelona.
Por outra banda, a Peña Deportivista ‘Pablo Amo tamén se sumou a iniciativa ‘1.000 Km non stop por Valeria’ e doarán dúas camisetas firmadas polos xogadores do RC Deportivo de La Coruña, que se sortearán entre todos os doadores que decidan axudar a Valeria.











